Afectados pola falta de pediatras en tres concellos reclaman unha xuntanza con representantes da sanidade
As familias afectadas pola falta continuada de atención pediátrica nos concellos de Castro de Rei, Outeiro de Rei e Cospeito solicitaron unha xuntanza co delegado Territorial da Xunta en Lugo e co xerente da Área Sanitaria de Lugo.
O colectivo cre necesario expoñerlles "a nosa situación para que sexan partícipes de como nos sentimos ante o deterioro constante deste servizo público, e esixirlles que tomen as medidas oportunas para solucionar un problema que afecta a máis de 1200 crianzas dos tres concellos afectados".
“Levamos preto dun mes agardando pola resposta a esta solicitude, esperemos non tarden en darnos unha reposta para recibirnos e así poder expoñerlles a nosa situación” dixo, Lucía Madarro, nai afectada pola falta de pediatra.
"Non estamos a pedir nada excepcional; simplemente queremos que se garantan os nosos dereitos, os dereitos das nosas crianzas a ter unha atención pediátrica digna dentro da sanidade pública", conclúen.