Afectados pola falta de pediatras na provincia sumaranse á manifestación de SOS Sanidade Pública en Santiago

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
A ausencia de servizo de pediatría en boa parte de Galicia está a xerar unha onda de protestas en toda a comunidade
concentracion-pediatras-cospeito
4 Mar 2025

A ausencia de servizo de pediatría en boa parte de Galicia está a xerar unha onda de protestas en toda a comunidade. Actualmente, segundo os datos que aporta SOS Sanidade Pública, 201 concellos galegos, o que supón o 64,2% do total, non contan con atención pediátrica. Nos últimos vinte anos, perdéronse 84 pediatras e 88 municipios de todas as áreas sanitarias quedaron sen este servizo esencial. Moitas crianzas son atendidas por médicos de familia en centros de saúde sen pediatras, e noutros casos este servizo só está dispoñible uns poucos días á semana.

"A situación agrávase especialmente no medio rural, onde as dificultades de comunicación e transporte supoñen unha discriminación inaceptable para as familias que viven en zonas en risco de despoboación", explican. En concellos como Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei, case mil nenos e nenas son atendidos por médicos sen formación específica en pediatría, cunha atención reducida a unhas poucas horas semanais. A situación na Montaña lucense tamén é crítica: en Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Baleira e Castroverde, levan máis de dous meses sen pediatra, o que provocou denuncias e mobilizacións cidadás.

Na comarca da Terra Chá, as familias levan tempo reclamando atención pediátrica especializada en lugar de ser atendidas por médicos formados en puericultura, unha solución insuficiente que non resolve o problema. A falta de pediatras tamén afecta a municipios como Abadín, Lalín, Ribadeo, Betanzos, Cedeira, O Grove, a Mariña lucense, Arzúa ou Verín, onde houbo numerosas protestas nos últimos meses.

"Este déficit de atención pediátrica súmase aos graves problemas do sistema sanitario público galego, como a falta de recursos na Atención Primaria, o incremento das listas de espera e o progresivo desmantelamento da Sanidade Pública", engaden.

Ante esta situación, SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación o vindeiro 6 de abril na Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela, chamando á mobilización da cidadanía en defensa dunha atención sanitaria digna e universal.

⚙ Configurar cookies
1.1363379955292