Africor premia a catorce gandarías lucenses pola súa produción e calidade do leite en 2024

LugoXa
A conselleira María José Gómez destaca o avance do sector lácteo galego, que xa transforma máis do 70 % do leite producido na comunidade
Premios-Africor-Lugo-ganderias-Lugo
28 Jun 2025

A Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos (Africor) fixo entrega dos seus galardóns anuais a catorce explotacións da provincia en recoñecemento ao seu labor durante o ano 2024, tanto polos volumes de produción como pola calidade do leite obtido. O acto serviu para poñer en valor o papel esencial que desempeñan as gandarías lucenses no sistema agroalimentario galego.

Durante a súa intervención, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, subliñou que máis do 70 % do leite producido en Galicia xa se transforma dentro da propia comunidade, achegándose así ao obxectivo do 75 % marcado na Estratexia de dinamización do sector lácteo galego para finais de 2025. Cualificou este logro como “unha moi boa noticia” para toda a cadea de valor do sector e agradeceu o traballo conxunto entre a Xunta e os profesionais do campo para facelo posible.

Nesa liña, lembrou as distintas medidas impulsadas polo Goberno autonómico, entre elas as axudas para fomentar a remuda xeracional no agro. Precisamente este mércores publicouse no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria dotada con 36 millóns de euros. Ademais, a conselleira avanzou que no mes de xullo sairán outras dúas liñas de apoio: un instrumento financeiro destinado a mellorar a liquidez das explotacións e unha nova convocatoria de subvencións para a adquisición de equipamentos en común.

Gómez insistiu en que todas estas medidas buscan “garantir unha produción sustentable, eficiente e de calidade, que beneficie tanto aos gandeiros como aos consumidores”. Grazas a esta aposta conxunta, afirmou, Galicia consolida a súa posición como primeira potencia leiteira do Estado e novena a nivel europeo, un fito que atribuíu ao esforzo diario dos profesionais do sector.

Tamén avogou por seguir avanzando na senda da calidade e da competitividade da gandaría galega, reforzando ese selo de “Galicia Calidade” que define os produtos da comunidade. Nese sentido, destacou o dinamismo do rural galego, que mantén a súa vitalidade en boa medida grazas aos gandeiros. Como exemplo, lembrou que arredor dun terzo dos produtores de leite galegos teñen menos de 45 anos e que, asemade, representan máis da metade da produción total. Por todo isto, concluíu a conselleira, “o sector leiteiro é sinónimo de futuro”.

⚙ Configurar cookies
0.20189690589905