Agolada acolle unha foliada popular contra Altri en Brocos
Este sábado 20 de xullo celebrarase unha foliada popular contra Altri en Brocos (Agolada). A finalidade do evento será a de recaudar fondos para a causa , visibilizar o valor que ten a zona, e amosar de novo a capacidade mobilizadora de todo o territorio afectado polo macroproxecto. O espazo no que terá lugar esta Foliada Altri Non é especialmente significativo, pois transcorrerá ao pé do encoro de Portodemouros, moi perto de onde Altri pretende instalar o punto de captación de auga (1 km) e o punto cero das verteduras da macrocelulosa (2 km).
A Foliada dará comezo ás cinco da tarde do sábado, e o colectivo Agolada Viva, organizador do evento, ten xa confirmadas 25 persoas e grupos musicais que van a participar coa súa música na loita contra a instalación da macrocelulosa en Palas de Rei. En canto ós músicos participantes, está confirmada a participación de referentes da música tradicional coma Fransy González, Davide Salvado, Bouba pandereteiras, Xisco Feijoo ou Carlos Quintá. A foliada será aberta e, polo tanto, aquel grupo ou persoa que queira sumar a súa voz será benvida. Haberá zona de aparcamento, servizo de bar e petiscos e venda de merchandasing da plataforma. O evento estará presentado por Dosinda, das Fillas Bravas.
Por outro lado, durante a tarde haberá un taller de estampación sobre teas para o cal cada quen poderá levar a súa bolsa, camiseta ou calquera lenzo no que desexen colocar o Altri Non. Co fin de realizar unha foliada respectuosa ao máximo posible co medio empregaranse vasos reusables para a redución de lixo e non se contará con megafonía para a non produción de contaminación acústica.
Este evento festivo e reivindicativo servirá tamén para recadar fondos destinados á loita contra a instalación do complexo, que se atopa neste momento pendente das autorizacións da Xunta de Galicia. A primeira será a da captación de auga, 46 millóns de litros ao día do encoro de Portodemouros, que Altri-Greenalia pediu o pasado mes de decembro a Augas de Galicia, e que recibiu centos de alegacións en contra da veciñanza. Dende o pasado 4 de marzo ademáis a Xunta tramita a Autorización Ambiental Integrada, a declaración de utilidade pública e o resto do proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, aos que se presentaron máis de 23.000 alegacións.
BNG
O grupo provincial do BNG reitera o seu rexeitamento á instalación da pasteira de Altri en Palas de Rei, unha industria de enclave que non suporá ningún avance no desenvolvemento industrial da provincia nin do país e que, pola contra, afectará ao tecido produtivo asentado na comarca da Ulloa.
Os representantes provinciais do BNG lembran que o proxecto conta con miles de alegacións de particulares e colectivos, que acreditan os prexuízos que esta macroplanta -na que se prevé a produción de 400.000 toneladas de celulosa – causará sobre os recursos hídricos, a biodiversidade, a actividade agrogandeira e ao patrimonio da Ulloa.
O grupo provincial nacionalista sinala a responsabilidade do Partido Popular en apadriñar, con mentiras e falsas expectativas, un proxecto que supón unha bomba ambiental na comarca da Ulloa e en aprobar leis que recortan prazos e reducen os controis aos que deberían someterse este tipo de proxectos, favorecendo os intereses de grupos empresariais por riba do interese xeral e da protección do territorio.
O BNG reitera así o posicionamento exposto no pleno do mes de marzo, na que o goberno provincial ao completo votou en contra da instalación da macropasteira en Palas de Rei.
Foto. Iria Castro, Efrén Castro e Daniel García na enrada a un pleno provincial. Arquivo