Agromuralla amosou o proceso do leite nas rúas de Lugo
A asociación Agromuralla, formada por gandeiros e gandeiras das provincias da Coruña e Lugo, celebrou no día de onte o Día Mundial do Leite cun acto informativo na cidade de Lugo no que os cidadáns puideron descubrir que hai detrás dun vaso de leite.
Con este obxectivo, durante todo o día membros da asociación tiveron un stand informativo na Praza Horta do Seminario, onde tiveron a posibilidade de sentirse "gandeiros por un día" muxindo unha vaca e levando para a súa casa "un saboroso agasallo".
"Queremos achegar o noso traballo ao consumidor e concienciar ao público máis urbano dos beneficios sociais e ambientais que aporta o sector agrogandeiro para o mantemento da poboación e a paisaxe das zonas rurais", explican desde Agromuralla.
O leite está a ser un dos produtos que máis se está a encarecer na cesta da compra para o consumidor; sen embargo, esa revalorización non está a chegar aos produtores, afogados neste momento polo incremento dos custos de produción.
Desmontando bulos e fake news
Como cada 1 de xuño, hoxe celébrase o Día Mundial do Leite, unha efeméride establecida no ano 2001 pola FAO para destacar a importancia do leite como alimento fundamental para a humanidade e recoñeder o traballo dos gandeiros que o producen.
Na mesa informativa instalada por Agromuralla o consumidor recibiu información sobre as características nutricionais do leite, fonte de calcio, vitaminas e minerais e un dos produtos máis completos na dieta humana.
Agromuralla quere desmontar bulos e fake news que proliferan na actualidade, xa que, aseguran, "a inmensa maioría das mensaxes que circulan sobre os supostos perigos asociados ao consumo de lácteos son erróneas, ao igual que as que defenden que as bebidas vexetais son sustitutivas do leite"
Se o rural queres sentir, unha vaca has de muxir
As 6.000 ganderías de produción de leite que quedan en Galicia supoñen o verdadeiro motor económico e social do mundo rural, como principal actividade económica e fonte de xeración de riqueza e postos de traballo.
"Onde hai un gandeiro, hai vida", destaca Agromuralla, que lamenta que non se recoñeza a labor esencial dos produtores de alimentos, os beneficios que o leite ten para a saúde e o aporte dos agricultores e gandeiros ao medio ambiente e a prevención de incendios.
"Os gandeiros somos os primeiros interesados en coidar do medio ambiente e do benestar dos nosos animais pero a maioría das leis e normativas que se aproban descoñecen a nosa realidade e van en contra da nosa actividade dificultando o noso traballo", denuncian.