Agromuralla celebra dez anos de defensa do sector gandeiro galego

Agromuralla celebra este mes de novembro unha década de vida comprometida coa defensa dos intereses do sector agrogandeiro galego.
A entidade conmemorará o seu décimo aniversario o vindeiro venres 21 cun acto público que levará por lema O papel dos produtores na alimentación: desmontando bulos alimentarios, co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre a importancia de consumir produtos lácteos e cárnicos e de recoñecer o labor positivo das explotacións sobre o territorio, o medio ambiente e a fixación de poboación no rural.
O encontro terá lugar ás 11 da mañá no salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, situado na Ronda da Muralla, o mesmo escenario das históricas protestas de 2015 que deron orixe á creación de Agromuralla.
Na mesa redonda participarán o doutor Manuel Viso, médico e divulgador científico, autor do libro Supersanos; Emilio Gómez, xornalista da cadea Cope en Andalucía e divulgador do medio rural; a deportista Elba Garfella, xogadora do Duran Maquinaria Ensino e medalla de ouro coa selección española sub-20 no Europeo de 2022; e José Luís Pérez Barreiro, gandeiro da Pastoriza e presidente de Agromuralla.
OS INICIOS
A asociación naceu no outono de 2015 tras as mobilizacións de centos de gandeiros e gandeiras que, coas súas tractoradas arredor da muralla de Lugo, reclamaban prezos xustos para o leite. Dez anos despois, Agromuralla mantén vivo ese espírito de unión e loita polos dereitos do sector, agrupando a máis de 400 socios e socias das provincias da Coruña, Lugo e Ourense, o que a converte na entidade máis representativa do sector produtor en Galicia.
A situación actual é mellor que hai unha década, cun prezo medio do leite de 52 céntimos por litro en setembro fronte aos 28 céntimos do mesmo mes en 2015, o que garante a rendibilidade das explotacións. Porén, persisten retos como o peche de granxas, a falta de relevo xeracional, a carga burocrática e o endurecemento das normas ambientais, aos que se engaden ameazas como a EHE ou a dermatose nodular contaxiosa. Actualmente permanecen activas en Galicia 5.011 granxas produtoras de leite, case a metade das 9.238 que existían no 2015.
A solidariedade e a cooperación entre gandeiros seguen a ser sinais de identidade da asociación. Este ano, tras os incendios forestais que afectaron á provincia de Ourense, Agromuralla mobilizou recursos para subministrar alimento ao gando das zonas danadas, tal e como fixera en 2017 cos Ancares. Ata o momento xa se entregaron 27 camións con rolos e pacas de silo e herba seca a gandeiros de Monterrei, A Mezquita, A Rúa, Manzaneda, A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa e Quiroga. Esta acción solidaria, que continuará durante o inverno, foi posible grazas ás doazóns de socios e outros produtores, así como á colaboración de camioneiros e empresas do sector do transporte.