Agromuralla celebra unha década de traxectoria cun acto en Lugo sobre o papel dos produtores na alimentación

Agromuralla conmemora este venres, 21 de novembro, os seus dez anos de traxectoria cun acto público que se celebrará ás 11.00 horas no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, escenario das mobilizacións de 2015 que deron orixe á entidade.
Baixo o lema O papel dos produtores na alimentación: desmontando bulos, a organización busca concienciar á cidadanía sobre os beneficios de introducir lácteos na dieta e sobre o impacto positivo que teñen as explotacións agrogandeiras no territorio, no medio ambiente e na fixación de poboación no rural.
A xornada incluirá unha mesa redonda na que participarán o doutor Manuel Viso, médico e divulgador científico e autor do libro Supersanos; o xornalista Emilio Gómez e especialista na divulgación do medio rural; a deportista Elba Garfella, xogadora do Duran Maquinaria Ensino e medalla de ouro coa Selección Española sub-20 no Europeo de 2022; e José Luís Pérez Barreiro, produtor de leite na Pastoriza e presidente de Agromuralla.
A asociación lembra que o leite continúa a ser un dos alimentos esenciais na nutrición humana, especialmente na infancia, adolescencia e durante a vellez, recomendándose a inxesta de polo menos tres lácteos ao día. Destaca que estes produtos achegan calcio, vitaminas e minerais, e que teñen efectos beneficiosos na saúde cardiovascular e incluso antitumorais.
No ámbito social e económico, Agromuralla subliña que as arredor de 5.000 explotacións leiteiras que permanecen activas en Galicia sosteñen o rural, xeran riqueza e emprego e contribúen ao coidado da paisaxe e do medio ambiente. A entidade, que reúne máis de 400 socios e socias das provincias da Coruña, Lugo e Ourense, mantén o espírito reivindicativo co que naceu, centrado en conseguir prezos xustos e condicións de vida dignas para o sector.
A situación actual mellorou respecto á de 2015: o prezo medio do leite en Galicia foi en setembro de 52 céntimos, fronte aos 28 dese mesmo mes hai dez anos, permitindo a necesaria rendibilidade das granxas. Con todo, persisten desafíos como o peche continuado de explotacións, a falta de relevo xeracional, a burocracia excesiva e o endurecemento das normativas ambientais, aos que se suman novas ameazas sanitarias como a EHE ou a Dermatose Nodular Contaxiosa. Na actualidade, quedan 5.011 granxas leiteiras en Galicia, case a metade das que existían en 2015.
Agromuralla tamén reivindica a solidariedade como un dos seus piares fundacionais. Este ano, tras os graves incendios forestais da provincia de Ourense, a asociación centrou os seus esforzos en distribuír alimento para o gando nas zonas afectadas, unha tarefa semellante á realizada en 2017 nos Ancares. Ata o momento xa se enviaron 27 camións de rolos de silo e herba seca a explotacións de Monterrei, A Mezquita, A Rúa, Manzaneda, A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa e Quiroga, unha colaboración que continuará durante todo o inverno grazas ás doazóns de socios, doutros gandeiros e ao apoio de transportistas e empresas do sector.