Agromuralla celebrou en Lugo un acto polo seu décimo aniversario, poñendo en valor o sector do leite

LugoXa
O presidente, Jose Luis Pérez Barreiro, destacou que “o sector leiteiro é tan importante para Galicia como Citroën para Vigo ou Inditex para A Coruña”
acto-decimo-aniversario-Agromuralla
21 Nov 2025

Agromuralla conmemorou os seus 10 anos de vida cun acto público en Lugo baixo o lema 'O papel dos produtores na alimentación: desmontando bulos', co obxectivo de concienciar aos consumidores sobre os beneficios do leite na dieta e o papel positivo das explotacións agrogandeiras no territorio, o medio ambiente e a fixación de poboación no rural.

A mesa redonda tivo lugar no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, na Ronda da Muralla, e contou coa participación do doutor Manuel Viso, especialista en medicina interna e divulgador científico; Emilio Gómez, xornalista e documentalista; a deportista Elba Garfella, medalla de ouro coa Selección Española sub 20 de baloncesto; e José Luís Pérez Barreiro, presidente de Agromuralla.

Pérez Barreiro destacou que “o sector leiteiro é tan importante para Galicia como Citroën para Vigo ou Inditex para A Coruña”, pero denunciou que non sempre recibe o recoñecemento merecido. Afirmou que circulan bulos e desinformación contra o leite e a carne, en parte motivados pola introdución de alimentos de laboratorio.

Desde o punto de vista nutricional, o doutor Manuel Viso subliñou que o leite é un alimento fundamental en todas as etapas da vida, recomendando o consumo de ao menos tres lácteos ao día pola súa aportación de calcio, vitaminas e minerais, e polos efectos beneficiosos a nivel cardiovascular e anticanceríxeno. Ademais, desmentiu mitos sobre as bebidas vexetais, que só conteñen pequenas cantidades de froitos e están moi azucradas.

O acto destacou tamén o impacto económico e social das 5.000 explotacións leiteiras que manteñen vivo o rural galego, aportando o 1,7% do PIB da comunidade e mantendo coidado o territorio.

⚙ Configurar cookies
0.24430799484253