Agromuralla denuncia contratos lácteos que consolidan a discriminación das granxas galegas

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla advertiu este martes sobre as consecuencias dos novos contratos propostos polas principais industrias lácteas para a compra de leite ás granxas de Galicia a partir do 1 de agosto, alertando de que as subas ofrecidas son limitadas e non contribúen a reducir a fenda de prezos respecto ao resto de España e Europa. Segundo expuxeron, as industrias, que até agora formalizaban contratos de curta duración de catro meses, están a propoñer agora acordos de oito meses, co obxectivo de asegurar as entregas prevendo novas subas no prezo do leite nos vindeiros meses.
Agromuralla subliña que, malia as condicións ofertadas, as explotacións galegas seguen a percibir un importe inferior ao doutros territorios, incrementándose mesmo as diferenzas entre granxas veciñas. De feito, nos contratos das industrias que máis leite recollen en Galicia —Lactalis, Larsa e Leite Río— obsérvanse diferenzas de ata 9 céntimos por litro, con prezos que oscilan entre 42,5 e 53 céntimos, segundo a empresa e o volume entregado, o que a asociación considera unha práctica desproporcionada e inxustificada.
Desde Agromuralla critican que a basear o prezo final do leite no volume de entregas penaliza ás explotacións pequenas e medianas, que representan a maioría do sector en Galicia, e permite ás industrias abaratar o custo medio da materia prima. Defenden que a chamada prima por cantidade non é unha bonificación, senón unha penalización encuberta para as granxas de menor tamaño.
A entidade solicita á Administración galega que non permaneza como mera espectadora neste proceso de renovación de contratos e que vixíe o diferencial de prezos entre granxas, evitando que se castigue inxustificadamente ás explotacións pequenas. Agromuralla considera inaceptable que dúas granxas da mesma parroquia, que entregan o leite á mesma empresa, reciban prezos tan dispares cando o transporte é idéntico, rexeitando o argumento de custos loxísticos superiores como xustificación.
A asociación aposta por establecer un prezo base común para todas as granxas, con contratos máis homoxéneos en condicións e que recoñezan as primas en función da calidade hixiénico-sanitaria e das porcentaxes de graxa e proteína, sen ter en conta o volume de entregas. Así o trasladarán á consellería do Medio Rural no Pleno do Observatorio Lácteo Galego previsto para setembro, onde Agromuralla formará parte como entidade representativa do sector.
No contexto actual, Agromuralla sinala que o escenario favorece unha suba dos prezos do leite debido á estabilidade do consumo, á fortaleza das cotizacións nos mercados internacionais e á caída da produción tanto en Galicia como nos principais países produtores de Europa. A asociación estima que os contratos que se asinen a partir de agosto en Galicia deberían situar o prezo do litro de leite nos 53 céntimos, en liña co resto de España e da Unión Europea.
En maio, o prezo medio en Galicia foi de 48,8 céntimos, mentres que a media estatal situouse en 50,1 e comunidades como Cataluña, Andalucía, Castela e León ou Asturias superaron amplamente ese valor. Na UE, o prezo medio foi de 53,03 céntimos, con subas de máis do 15% en países como Dinamarca, Holanda, Alemaña ou Irlanda. A produción de leite caeu en Galicia case un 2% nos primeiros meses do ano, un descenso superior á media española, nun contexto no que o número de granxas lácteas continúa á baixa, con 5.135 explotacións activas actualmente en Galicia.
Agromuralla insiste en que non existe excedente de leite en Europa, cunha caída xeral da produción do 1% nos primeiros catro meses de 2025, con reducións destacadas en países como Alemaña, Holanda, España ou Francia.