Agromuralla denuncia irregularidades nas analíticas do leite de Ligal

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O colectivo mantivo unha reunión coa Conselleira do Medio Rural para pedirlle que, dende a Consellaría, se tomen as medidas precisas para que estas irregularidades deixen de producirse
vacas-leite
Vacas de leite
23 Ago 2024

Dende que comezou o verán, un alto porcentaxe de gandeiros produtores de leite de vaca galegos, veñen tendo problemas coas analíticas do punto crioscópico, segundo indica Agromuralla. "Porén, despois de facer todas as revisións técnicas necesarias, puideron comprobar que non se debe a un problema que exista nas súas granxas", reclacan.

O punto crioscópico é un parámetro que se analiza para medir a cantidade de auga que ten o leite. Trátase dun valor negativo, de xeito que, se sube a presenza de auga no leite os gandeiros son penalizados pola industria láctea que lles merca o produto, penalización que se traduce nunha redución no prezo do leite.

O único laboratorio oficial existente en Galicia para facer análises do leite é o Ligal (Laboratorio Interprofesiomal Galego de Análise do Leite). O cal está integrado pola Fenil (Federacion Nacional de Industrias Lácteas), Agaca (Asociacion Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e os sindicatos agrarios, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego.

Logo de recibir as queixas de multitude de gandeiros, dende a Asociación Agromuralla, optouse por levar diversas mostras, aleatoriamente, ó laboratorio oficial doutra comunidade autónoma, para facer análises de contraste. “Sendo a nosa sorpresa que, non só no punto crioscópico se observa un valor que penaliza máis ó gandeiro, senón que outros parámetros que se analizan e que inflúen directamente no prezo do leite en orixe, como é o caso do contido en graxa, tamén arroxan resultados dispares, o cal se traduce nun menor prezo do leite para o gandeiro que lle analizaron o leite no Ligal”, afirman dende Agromuralla.

Ante esta problemática, dende Agromuralla “solicitamos unha reunión con carácter urxente coa persoa competente do Ligal, non tendo resposta a data de hoxe, a pesar da gravidade da situación”, afirman.

Por outra banda, “mantivemos unha reunión coa Conselleira do Medio Rural para informala do que está a acontecer e pedirlle que, dende a Consellería se tomen as medidas oportunas para regularizar a situación, xa que se nos está a prexudicar economicamente, pois os resultados das analíticas feitas polo Ligal tómanse como base para fixar o prezo final que as industrias nos pagan ós gandeiros polo noso produto”, informan dende a Asociación de gandeiros.

Tamen foi unha desagradable sorpresa para Agromuralla, comprobar como se están cometendo estas irregularidades e os representantes dos gandeiros dentro do laboratorio se manteñen pasivos, permitindo que as industrias lácteas que operan en Galicia se lucren a costa das perdas económicas que sofren os produtores.

Cabe recordar que Galicia é a Comunidade Autónoma na que os gandeiros cobran o leite máis barato, de toda España, de feito foi sempre así, non hai máis que consultar os datos estadísticos publicados polo MAPA. Dende Agromuralla afirman que, “non descartamos que estas irregularidades nas análises do leite estean directamente relacionadas con ese menor prezo do leite que as industrias pagan ós gandeiros galegos, sen descartar outras causas.” De feito, estes días fixéronse públicos datos de referencia, a nivel internacional, sobre os prezos do mercado lácteo, arroxando, todos eles, unha tendencia á alza, e poñendo de manifesto, unha vez mais, dous datos que xa non son novos: por un lado, que os gandeiros galegos somos os que menos cobramos o leite de toda España, a pesar de ser a Comunidade Autónoma onde mais leite se produce con unha calidade diferenciada extraordinaria; e por outro lado, que, novamente, as industrias lácteas non teñen xustificación para baixar o prezo do leite en orixe, tendencia que marcou a renovación dos contratos fai escasas semanas.

Agromuralla fai un chamamento a todos os gandeiros produtores de leite en Galicia, para que revisen con detalle os resultados das análises feitas polo Ligal e, se é o caso, tomen as medidas que consideren mais oportunas, “se quen nos representa non nos defende, temos que facelo nos”, conclúen.

0.19414687156677