Agromuralla pide axudas públicas para afrontar a enfermidade hemorráxica epizoótica nas explotacións
A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla organizou este venres no salón de actos da Escola Politécnica de Lugo unha xornada informativa sobre as últimas normativas que afectan ás granxas de produción de leite e sobre os perigos que supón a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) para o gando. No programa participaron como poñentes técnicos da Administración que abordaron aspectos como os novos reais decretos sobre medicamentos, Plan Sanitario Integral e veterinario de explotación ou SIEX e Caderno Dixital.
A segunda parte da xornada centrouse na EHE, unha enfermidade emerxente que fixo notar os seus efectos en Galicia o pasado outono e que de cara a esta primavera ameaza gravemente ás explotacións de vacún, tanto de leite como de carne, debido ás súas graves consecuencias. Para falar da EHE Agromuralla tamén contaron con especialistas como Alberto Prieto, investigador do departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, e diversos veterinarios e gandeiros, tanto de Galicia como de Castela e León, onde a enfermidade atacou de maneira moi importante en 2023.
Novas esixencias en benestar animal
O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, que foi o encargado de abrir as xornadas, explicou que este 2024 supón “un ano de moitos cambios no sector como consecuencia da entrada en vigor de novas normas de abonado, benestar animal ou dixitalización”. Estes cambios supoñen “máis gasto e burocracia e condicionan de maneira importante a rendibilidade das explotacións leiteiras, polo que resulta fundamental contar con información precisa e de primeira man sobre a súa aplicación".
Do mesmo xeito, desde Agromuralla esíxese á Administración que contemple unha liña de axudas específica para facer fronte ás consecuencias da enfermidade hemorráxica epizoótica nas explotación, que contemple “os custos veterinarios e de tratamentos, así como o lucro cesante por perda de produción, ademais da posible morte de animais".