Agromuralla esixe garantías para que non se asinen contratos por debaixo do 40 céntimos
A asociación de gandeiras e gandeiros acusa á Xunta de "xogar co sector" por interese político e ao Ministerio de "desentenderse do problema". Agromuralla considera que unha prima excepcional en 2022 de 4 céntimos, como propón a Consellería, só serviría para "tapar as ilegalidades das industrias beneficiando a aquelas que menos pagan e vendendo como unha esmola ao sector cartos aos que xa tiñan dereito os gandeiros".
A asociación Agromuralla considera "claramente insuficientes" as melloras ofertadas polas distintas empresas lácteas aos gandeiros aos que lles recollen o leite de cara á renovación dos contratos que vencen o vindeiro 31 de marzo e esixe "o cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria, que establece que ningún produto agrario poderá ser pagado en orixe por baixo do prezo ao que ao produtor lle custa producilo".
"Coas subas producidas nos pensos, o gasóleo, a electricidade e os fertilizantes o custo de produción medio das granxas está situado a día de hoxe en 40 céntimos por litro, como establece o estudo elaborado pola Fundación Juana de Vega feito público pola Xunta a semana pasada, polo que calquera contrato que fixe un prezo por baixo dos 40 céntimos sería ilegal", asegura o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro.
Ante o inminente vencemento da data de renovación dos contratos, Agromuralla esixe ás Administracións, tanto á Xunta como ao Ministerio, "que impidan a sinatura de contratos ilegais por baixo dos custos de produción e as ofertas abusivas por parte das empresas", denunciando unha vez máis "a situación de desvantaxe e indefensión dos gandeiros nas negociacións coas industrias".
Sancións exemplares
Desde Agromuralla esíxense "actuacións máis aló das palabras" por parte das Administracións competentes, con "sancións exemplares" ás empresas, unha vez que tanto as cadeas de distribución como as industrias lácteas "se negan a trasladar ás granxas a revalorización no prezo do leite e os produtos derivados que se produciu nos últimos meses nos supermercados".
Neste sentido, José Luis Pérez Barreiro pide a "actuación inmediata e de oficio" da AICA, a Axencia de Información e Control Alimentario, dependente do Ministerio de Agricultura. "A AICA debe solicitar ás industrias os contratos e impedir a sinatura daqueles que inclúan prezos por baixo dos 40 céntimos por seren ilegais", reclama Agromuralla.
"De nada serve aprobar unha lei se despois non se fai cumprir", dille o presidente da asociación de gandeiros ao ministro de Agricultura, Luis Planas, ao que acusan de "desentenderse do problema".
"A Xunta lávase as mans"
Agromuralla denuncia que o “incremento de custos de produción nos últimos meses, sen precedentes na historia do sector leiteiro, fai que as ganderías estean vendendo a perdas”. Debido a este desfase, "seguir coa actividade é inviable e moitas granxas están ao borde do peche", din.
"A desaparición das granxas suporía a desaparición do rural en Galicia, pero a Xunta tampouco fai nada para evitalo, o único que está a facer é xogando co sector, utilizándoo no seu beneficio como unha arma política contra o Ministerio, pero lávase as mans á hora de aplicar medidas que corrixan, por exemplo, que en Galicia os gandeiros esteamos cobrando o leite dous céntimos menos que no resto de comunidades cando producimos o 40% do leite do Estado e a calidade do noso leite é superior ao resto", denuncia José Luis Pérez Barreiro.
Do mesmo xeito, Agromuralla non comparte que a solución pase por establecer unha prima puntual de 4 céntimos en litro, como está a reclamar a Xunta ao Ministerio, dado que se estaría "tapando os incumprimentos da lei por parte das industrias e premiando a aquelas que menos pagan polo leite".
"O noso leite ten que ser pagado polo prezo que se merece e unha prima excepcional non corrixe a situación", di o presidente de Agromuralla, que engloba a 400 produtores das provincias de Lugo e A Coruña.
"As industrias teñen que pagar o leite, como mínimo, a 40 céntimos, iso é o que di a lei, e coa proposta que fai a Xunta a mensaxe que se lles está trasladando ás industrias é que poden aforrar 4 céntimos, pagando o leite só a 36, porque os outros 4 irían nunha prima á parte", denuncia José Luis Pérez Barreiro.
"A proposta que fai a Xunta non nos aporta solucións aos gandeiros, mais ben fortalece ás industrias premiándoas por incumprir a lei", asegura José Luis Pérez Barreiro, que reclama "solucións serias e reais urxentes".
Temor polas consecuencias da guerra en Ucrania
Agromuralla mostra tamén o seu temor ante o feito de que a guerra de Ucrania provoque unha nova escalada no prezo dos cereais, posto que boa parte das importacións de millo e trigo realizadas polas industrias de penso Españolas proceden da zona do Mar Negro. Outra das consecuencias das sancións impostas a Rusia podería ser o encarecemento dos prezos do gas e a enerxía. "Se todos estes custos seguen subindo, cos prezos que se ofrecen actualmente nos contratos as granxas non imos ser capaces de poder asumilos", advirten.
Por iso desde Agromuralla consideran que "capar o prezo do leite en 41 céntimos como máximo para todo o ano 2022, como propón a Xunta, é unha irresponsabilidade". "O lóxico, e así o establece a Lei da Cadea Alimentaria, é vincular os prezos en orixe aos custos de produción, en base a un índice público que se actualice mensualmente, e a actual situación non permite pensar que os custos de produción vaian baixar, por iso non se debe limitar tampouco o prezo de compra do leite", asegura José Luis Pérez Barreiro.