Agromuralla organiza en Lugo unha xornada sobre a EHE
A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla organiza o venres 9 de febreiro pola mañá no salón de actos da Escola Politécnica de Lugo unha xornada informativa sobre as últimas normativas que afectan ás granxas de produción de leite e sobre os perigos que supón a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) para o gando.
O programa inclúe como poñentes a técnicos da Administración que abordarán aspectos como os novos reais decretos sobre medicamentos, Plan Sanitario Integral e veterinario de explotación ou SIEX e Caderno Dixital.
A segunda parte da xornada estará centrada na EHE, unha enfermidade emerxente que fixo notar os seus efectos en Galicia o pasado outono e que de cara a esta primavera ameaza gravemente ás explotacións de vacún, tanto de leite como de carne, debido ás súas graves consecuencias.
Para falar da EHE Agromuralla contará con especialistas como Alberto Prieto, investigador do departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, e diversos veterinarios e gandeiros, tanto de Galicia como de Ávila - Extremadura, onde a enfermidade atacou de maneira moi importante en 2023.
Novas esixencias en materia de abonado e benestar animal
O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, que será o encargado de abrir as xornadas, explica que "este 2024 é un ano de moitos cambios no sector como consecuencia da entrada en vigor de novas normas de abonado, benestar animal ou dixitalización que condicionan de maneira importante a rendibilidade das explotacións leiteiras, polo que resulta fundamental contar con información precisa e de primeira man sobre a súa aplicación".
Do mesmo xeito, desde Agromuralla esíxese á Administración "que contemple unha liña de axudas específica para facer fronte ás consecuencias da enfermidade hemorráxica epizoótica nas explotacións que contemple os custos veterinarios e de tratamentos, así como o lucro cesante por perda de produción, ademais da posible morte de animais".
Protestas de agricultores por toda Europa
José Luis Pérez Barreiro quixo mostrar tamén "a solidariedade dos gandeiros e gandeiras galegas" cos produtores de países como Francia ou Alemaña que estes días se manifestan cos seus tractores en demanda de melloras para o sector. Sobre a posible organización de protestas similares en Galicia, non as descartou e indicou que "neste momento estanse valorando todas as posibilidades"
"O sector primario en toda Europa ten problemas comúns, como son unha excesiva burocratización e a falla de garantías dun prezo xusto para os alimentos que producimos", asegurou o presidente de Agromuralla.
"Todo o que vén de Bruxelas supón máis traballo e máis gasto para as explotacións; a día de hoxe xa pasamos máis tempo cubrindo papeis que atendendo aos animais ou ás terras", afirmou Pérez Barreiro, que acusou ás Administracións públicas, tanto europeas como estatais, de "lexislar en contra do sector".
En relación á viraxe ambientalista da UE, o presidente de Agromuralla dixo que "as políticas verdes non poden supoñer ir en contra da seguridade alimentaria da poboación". "Somos os primeiros que queremos coidar o medio ambiente e, de feito, os agricultores e gandeiros somos os xestores do territorio e os que coidamos da natureza", insistiu.