Aínda se poden visitar as exposicións temporais do Vello Cárcere
Aínda se poden visitar as exposicións temporais dos traballos de Luís Ferreiro Peinó, Manuel López Liz, José Luís Vázquez Meijide e Pepe López no Vello Cárcere.
Tras adoptar unha serie de medidas de protección fronte á Covid-19, establecéronse quendas para visitar o centro de maneira libre cunha duración máxima de 1hora e 15 minutos. Polas mañás pódese visitar todos os días ás 11.15 horas e 12.30 horas. Polas tardes de domingo a mércores as visitas comezan ás 17.00 horas, ás 18.15 horas e ás 19.30 horas. De xoves a sábado haberá unha visita máis ás 20.45 horas.
Peinó 100
Peinó 100 Luís Ferreiro Peinó foi un home intimamente ligado á madeira. No 1938 estreouse como tallista e vinte anos máis tarde comezou a compatibilizar dita profesión coas súas inquedanzas artísticas. O resultado foi a creación de, aproximadamente, duascentas esculturas durante os anos que viviu entre gubias e labras.
O escultor lugués faría neste 2021 cen anos, por iso a mostra é tan especial e amosa toda unha retrospectiva, así como tamén diversos aspectos biográficos de tan prolífico artista.
O pensamento e o lume acariñaron a madeira, amosando a vida doutra maneira
Nova exposición do lugués Manuel lópez Liz, que amosa por primeira vez os seus traballos realizados coa técnica do pirograbado.
Trátase dun numeroso conxunto de táboas e composicións realizadas en madeira de carballo e castiro, que reflicten o amor que profesa por Galicia e a vida en xeral a través da escritura e do debuxo.
Manazas
É unha exposición pictórica do artista emerxente José Luís Vázquez Meijide. Mediante o emprego da técnica mixta, o artista vilagarcián expón as súas primeiras obras nas que pinta escenas cotiás, cheas de colorido e realizadas a través de tomas fotográficas previas.
Só madeira
Pepe López é un artista que fai toda a súa obra en madeiras autóctonas (carballo, nogeueira, castiñeiro...), tratando a técnica da talla con rigor, con man firme e precisa.
Ao longo dos anos foi creando un estilo inconfundible e moi persoal, xa que as súas figuras humanas non amosan o rostro para ceder toda a súa carga expresiva ás demais partes do corpo.