Airiños de Orbazai de Lugo presentará o seu novo disco o 1 de febreiro
O Grupo de Cantos Populares e Música Tradicional Airiños de Orbazai de Lugo presentará o seu novo traballo discográfico, titulado ‘Orixe’, o vindeiro sábado 1 de febreiro de 2025 cun concerto no Auditorio Fuxan Os Ventos de Lugo, a partir das 20:30 horas. As entradas, cun prezo simbólico de 2 euros, xa están dispoñibles en entradaslugo.es do Concello de Lugo e tamén se poderán adquirir na taquilla do Auditorio o mesmo día do evento.
O disco consta de 10 versións propias de temas populares da música tradicional galega, interpretados polo grupo, que está formado por 50 persoas amantes da música galega. En ‘Orixe’, mestúranse os tradicionais instrumentos da música galega, como o tamboril, bombo, gaita, pandeiretas e pandeiros, con outros como acordeón, guitarras acústicas, violín, chelo, contrabaixo, frauta traveseira, saxo, clarinete, trombón e trompeta, todo iso acompañado polos coros de voces tanto masculinas como femininas, creando un estilo único.
O coordinador do grupo, Javier Pajón, explicou que o grupo xa lanzara un disco en 2014 nunha etapa anterior. “Despois da pandemia, parecía que todo ía desaparecer, pero collemos as rendas cunha nova directiva, volvemos a contar co mestre que tiñamos antes e decidimos facer un disco para plasmar o traballo semanal que realizamos nos ensaios, como unha forma de motivar á xente, porque temos tanto afeccionados como profesionais. Isto é unha oportunidade para deixar constancia do traballo que facemos, non só para os netos, senón tamén para toda a xente de Lugo, xa que queremos deixar pegada”.
En canto ao repertorio, Pajón mencionou que inclúe temas coñecidos como ‘Lela’, ‘O romance da lavandeira’, ‘Para onde vas María?’... “Son temas populares, pero coa nosa propia versión. O noso estilo é único porque afastámonos do formato convencional dun grupo de gaitas; ademais do coro de voces, temos acordeón, violín, violonchelo, frauta traveseira, trompeta, guitarras... Na realidade, facemos algo distinto sen apartarnos da música tradicional e popular, pero dándolle o noso toque persoal”.
Respecto á acollida do disco, Pajón sinalou que “hoxe en día os discos non están tan demandados, xa que a xente escoita música a través de USB, pero iso estrágase, mentres que o disco ten unha duración maior e convértese nun recordo físico. Por iso, imos facer concertos como o de Fuxan Os Ventos para promocionar o disco e ofrecer á xente de Lugo a oportunidade de escoitar ‘Orixe’ en directo. Tamén intentaremos actuar en outras localidades da provincia de Lugo. É importante promover a música tradicional e á xente gústalle. Gústalles porque é algo distinto e non temos competencia”, concluíu Pajón.