O novo auditorio Fuxan os Ventos acolle a presentación do disco 'Orixe' de Airiños de Orbazai
O Grupo de Cantos Populares e Música Tradicional Airiños de Orbazai de Lugo presentará o seu novo traballo discográfico, titulado ‘Orixe’, esta tarde de sábado, 1 de febreiro, a partir das 20.3o horas cun concerto no Auditorio Fuxan Os Ventos.
O disco consta de 10 versións propias de temas populares da música tradicional galega interpretados polo grupo, que está formado por 50 persoas amantes da música galega.
En ‘Orixe’, mestúranse os tradicionais instrumentos da música galega, como o tamboril, bombo, gaita, pandeiretas e pandeiros, con outros como acordeón, guitarras acústicas, violín, chelo, contrabaixo, frauta traveseira, saxo, clarinete, trombón e trompeta, todo iso acompañado polos coros de voces tanto masculinas como femininas, creando un estilo único.
En canto ao repertorio, o coordinador do grupo, Javier Pajón, mencionou que inclúe temas coñecidos como ‘Lela’, ‘O romance da lavandeira’, ‘Para onde vas María?’... “Son temas populares, pero coa nosa propia versión. O noso estilo é único porque afastámonos do formato convencional dun grupo de gaitas; ademais do coro de voces, temos acordeón, violín, violonchelo, frauta traveseira, trompeta, guitarras... Na realidade, facemos algo distinto sen apartarnos da música tradicional e popular, pero dándolle o noso toque persoal”.
Respecto á acollida do disco, Pajón sostivo que "é importante promocionar o disco e ofrecer á xente de Lugo a oportunidade de escoitar ‘Orixe’ en directo. Tamén intentaremos actuar en outras localidades da provincia de Lugo. É importante promover a música tradicional e á xente gústalle. Gústalles porque é algo distinto e non temos competencia”, concluíu Pajón.