Alar Galicia organiza en Lugo as súas xornadas para previr o suicidio e as adicións entre a xuventude

LugoXa
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, apostou “por ampliar a mirada na prevención do suicidio, o que require unha perspectiva integral"
xornadas_alar_lugo_suicidio
Celebración das xornadas
23 Maio 2024

Lugo acolle as segundas xornadas de Prevención e Sensibilización do Suicidio e Novas Adiccións na Xuventude, organizadas pola Asociación Alar Galicia A alcaldesa, Paula Alvarellos, participou no acto inaugural, no que destacou “a necesidade de sensibilizar e dar visibilidade aos problemas de saúde mental, ante a maior incidencia de enfermidades e doenzas que están a afectar a toda a poboación e de xeito significativo á mocidade e aos adolescentes”.

Neste contexto, a alcaldesa sinalou que “é imprescindible levar a cabo accións que contribúan á sensibilización desta problemática, e á prevención do suicidio e das novas adiccións, uns problemas aos que todas as administracións debemos enfrontarnos desde as nosas competencias e ámbitos de actuación”.

Pola súa parte, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, apostou “por ampliar a mirada na prevención do suicidio, o que require unha perspectiva integral desde distintos eidos como o da saúde, a educación, a familia e a administración”. A subdelegada puxo sobre a mesa que a Organización Mundial da Saúde afirma que “o suicidio pode previrse”, polo que centrou a súa alocución nas alternativas e accións que se perseguen, “priorizando a saúde pública para artellar un sistema de protección e prevención que actúe de xeito eficaz”. Neste senso, informou de que o Goberno vén de actualizar a súa Estratexia de Saúde Mental para os anos 2022-2026, tras 12 anos sen renovarse, polo que “a saúde mental e a prevención do suicidio se sitúan no epicentro das políticas públicas”.

No encontro tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, que presentaron o programa YAM para a promoción da saúde mental na adolescencia no que participan desde este curso 1.416 estudantes de 78 centros educativos de toda Galicia.

O programa desenvólvese nas aulas para que adolescentes de 13 a 17 anos reflexionen sobre as súas propias emocións. A iniciativa fai fincapé no apoio entre iguais a compañeiros ou compañeiras que se estean a sentir mal. Na súa intervención, o delegado territorial da Xunta salientou a importancia de “manter unha intensa e fluída colaboración con colectivos sociais e sempre cun enfoque transversal, involucrando a diferentes departamentos das Consellerías implicadas”.

0.18559098243713