Alba Díaz Geada presenta en Lugo o seu libro sobre a transformación do rural galego entre 1959 e 1982

A historiadora e investigadora Alba Díaz Geada presentou no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o seu novo libro 'Mudar en común: Galiza 1959-1982. Unha análise sociohistórica dos cambios no rural galego', unha obra editada polo Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O volume recolle a tese de doutoramento da autora, realizada na Universidade de Santiago de Compostela, onde é doutora en Historia Contemporánea.
O traballo analiza en profundidade as transformacións estruturais que experimentou a sociedade rural galega entre finais dos anos 50 e principios dos 80 do século pasado, cunha ollada centrada nos propios protagonistas deses cambios: as comunidades labregas.
Segundo Díaz Geada, a investigación parte dunha perspectiva histórica que prioriza a intervención activa dos suxeitos históricos, labregos e labregas, no proceso da súa propia metamorfose. A autora subliña que a clave desta mudanza, que cualifica como “a máis fonda da nosa historia contemporánea”, reside non só no impacto que os procesos externos tiveron sobre o rural, senón na forma en que estes procesos afectaron á capacidade das comunidades labregas para se reproduciren social e economicamente.
A obra baséase tanto en fontes escritas como orais, entre as que destacan máis dun cento de entrevistas realizadas na comarca da Mariña, que serve como eixe territorial da análise.
No acto de presentación tamén interviñeron Brais García, responsable do Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e a deputada de Cultura, Iria Castro, quen destacou “o interese de divulgar e achegar á cidadanía o coñecemento e a investigación académica, o propósito da publicación deste libro”.
Con esta publicación, a Deputación de Lugo continúa a súa aposta pola divulgación científica e polo recoñecemento do papel fundamental da memoria e da investigación histórica para comprender o presente do país.