Alba Nogueira presenta a súa visión para o futuro do Campus de Lugo ao alcalde e ao tenente alcalde

LugoXa
A candidata á reitora da USC expuxo propostas sobre vivenda estudantil, internacionalización e melloras no Campus Terra nunha rolda de contactos institucional
Alba-Nogueira-candidata-ao-Reitorado-da-USC
9 Jan 2026

A candidata a reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Alba Nogueira, foi recibida polo alcalde de Lugo, Miguel Fernández, nun encontro que abriu a rolda de contactos coas aspirantes á reitoría. Durante a reunión, Nogueira expuxo de primeira man a súa estratexia para o futuro da USC en xeral e do Campus de Lugo en particular, destacando as súas liñas mestras para mellorar o acceso á vivenda estudantil, considerado un dos principais retos dos campus de Santiago e Lugo, así como os seus plans para impulsar a internacionalización da institución. Acompañárona dúas integrantes da súa candidatura, Teresa Rodríguez, responsable de Sostibilidade e Infraestruturas, e Mercedes Novo, encargada de Ciencia, Divulgación e Sociedade.

O rexedor mostrou especial interese polo futuro da Escola de Enfermería, que cualificou como “unha referencia para o sistema formativo e sanitario de Lugo; é preciso manter e garantir a súa continuidade e independencia”. Ademais, abordáronse aspectos cruciais para o desenvolvemento do Campus Terra, como a conectividade, a equiparación coas universidades de Santiago e as medidas para paliar o déficit de servizos que afectan á institución lucense. Durante o encontro tamén se tratou da importancia de fortalecer a independencia do Campus Terra respecto ao de Santiago, ao tempo que se fomentaba a colaboración para aproveitar sinerxías, incluíndo o uso conxunto de instalacións do Concello e do campus.

Tamén se reuniu co tenente alcalde, Rubén Arroxo, para analizar en detalle as fortalezas e carencias do campus lucense e presentar propostas de mellora na xestión. Arroxo lembrou que o Concello xa colabora coa USC para integrar o campus na vida da cidade a través de programas como LUGOCULTURAL, ao que se destinan 20.000 euros anuais desde a Área de Cultura.

Ao finalizar os encontros, Miguel Fernández sinalou que foron “reunións moi fructíferas e interesantes” e destacou o papel esencial do Campus de Lugo para o desenvolvemento económico, social e ambiental da cidade, subliñando o seu compromiso con programas de conservación e sustentabilidade nos espazos naturais da contorna, aos que Alba Nogueira, como especialista en Dereito Ambiental, pode contribuír de xeito significativo.

⚙ Configurar cookies
0.075578927993774