Albeiros reclama unha liña de autobús directa ao HULA
Os veciños e veciñas do barrio lucense de Albeiros reuníronse o pasado xoves 10 de xuño de 2021, convocados pola Asociación Veciñal San Lorenzo, presidida por Fernando Rois Rois, para abordar a temática relacionada co novo trazado de liñas de autobús urbano na cidade de Lugo e en que modo lles afecta.
A reunión, que tivo lugar xunto á Ponte da Vía, ás 20.30 horas e á que asistiu tamén a Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo, acudiron ao redor de 100 persoas do barrio de Albeiros.
No transcurso do devandito encontro, o Presidente da Asociación San Lorenzo de Albeiros presentou publicamente a proposta na que se refire á liña de autobús urbano -que solicitan á Concellería de Mobilidade do Concello de Lugo- número 12 que "cubriría o percorrido comprendido dende o centro da cidade ata o polígono das Gándaras, e dende alí ata o HULA e procedendo, a continuación, a realizar o percorrido de volta cubrindo o mesmo traxecto".
"A proposta foi previamente consensuada cos veciños e veciñas e, ademais, o presidente volveu a preguntar se esta era a liña de autobús urbano que o barrio de Albeiros pide, obtendo unha afirmación rotunda e unánime por parte dos asistentes", defenderon dende a Asociación San Lorenzo.
Así mesmo, engadiron "cabe matizar, neste punto, o importante número de persoas de idade avanzada, ademais de con problemas de saúde, que residen neste barrio, e que coa liña de autobús urbano actual non poden acceder ao HULA, véndose obrigados a pagar un taxi, algo que con pensións de 600-700 euros de media resulta inviable".
Ademais, os veciños e veciñas do barrio lucense de Albeiros defenden que chegarán ata o final na súa petición; e, de non ser atendidos, procederán a emprender novas medidas, como a recollida de firmas -como xa se está realizando nos barrios de O Carqueixo, A Ponte e A Tolda- ou, se fose preciso, convocar unha manifestación.
Para finalizar, dende a Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo "reiteramos a nosa petición aos titulares da Concellería de Movilidad do Concello de Lugo de que escoiten aos lucenses e non fagan caso omiso das súas queixas ou propostas; así como que procedan á instalación de marquesiñas e as doten dun servizo de mantemento".