Alberto Losada sae reelixido como presidente da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo

Alberto Losada resultou reelixido presidente da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo tras unha asemblea marcada pola tensión e as interrupcións, que se prolongou ata as nove da noite.
A elección estivo moi axustada, cunha diferenza mínima entre as dúas candidaturas: a encabezada polo propio Losada e outra presentada desde o voluntariado da entidade, liderada por Carla Cociña.
O reconto tivo que repetirse varias veces para confirmar o resultado final, que deu a vitoria á lista de Losada por 68 votos fronte a 67. O proceso xerou queixas, especialmente pola validez dun voto emitido xusto no límite do peche das urnas, o que levou aos integrantes da candidatura alternativa a anunciar a súa intención de impugnar os comicios.
Ante esta situación, Losada declarou que “se ao final se repiten as eleccións, volveremos presentarnos e prepararemos todo con máis traballo. Temos un bo equipo de persoas serias e comprometidas en mellorar a vida dos animais de Lugo, e nesa liña seguiremos”. Ademais, avanzou que a Protectora levará animais ás festas de Recatelo como parte da súa actividade e tamén como celebración da continuidade da súa directiva.
AS PROPOSTAS
No plano programático, a candidatura de Losada propoñía reducir a dependencia económica dos donativos, reclamar aos concellos os custos reais do servizo de recollida de animais, mellorar a atención ao público que desexe colaborar ou adoptar, incrementar os paseos dos cans do albergue e reforzar a comunicación co voluntariado.
Pola súa parte, a lista de Cociña defendía a actualización dos convenios de recollida, a suspensión daqueles que non sexan responsabilidade da Protectora, a creación dunha páxina web máis participativa e unha mellor xestión dos recursos humanos dispoñibles.