Alberto Rodríguez Arias presenta o seu libro 'Seventy Days on the Road'

A Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia acollerá a presentación do libro Seventy Days on the Road (Setenta días na estrada) o mércores 14 de decembro ás 20:00 horas, un proxecto do arquitecto Alberto Rodríguez Arias que xorde da necesidade de explorar o mundo desde múltiples perspectivas: a do ser humano, a do fotógrafo, a do arquitecto, a do condutor e a do afeccionado aos coches clásicos.
O traballo inspírase tanto no Grand Tour tradicional como nas viaxes de procura de inspiración realizadas por Edward e Josephine Hopper entre 1941 e 1953, así como nas rutas do arquitecto español Ramón Vázquez Molezún, quen nos anos cincuenta percorreu boa parte de Europa coa súa Lambretta para coñecer de primeira man as obras mestras da arquitectura que estudara na escola.
Seventy Days on the Road (TheHomelessArchitect, 2025) é o primeiro dunha serie de road trips que exploran o mundo desde a mirada dun fotógrafo de arquitectura, onde o destino final —os edificios, os lugares, a arquitectura— non é o único obxectivo. O propio traxecto convértese nun elemento central de inspiración, e as vistas enmarcadas desde o posto de condución adquiren tanta relevancia como o lugar ao que se chega.
Este ensaio fotográfico recolle unha viaxe en solitario realizada entre agosto e outubro de 2023, de setenta días, 11.000 km e 11 países europeos (Francia, Luxemburgo, Alemaña, Suíza, Liechtenstein, Austria, Italia, Albania, Montenegro, Bosnia e Eslovenia), ao volante dun Fiat Panda de 1990. O libro compila máis de 400 fotografías, captadas con dúas cámaras do autor e seleccionadas entre máis de 4.000, centradas principalmente en obras clave da arquitectura do último século, pero tamén en estradas, paisaxes e escenas cotiás atopadas ao longo do camiño.
Alberto Rodríguez Arias (Lugo, 1989) é doutor arquitecto, investigador e fotógrafo de arquitectura. Traballou en Eslovenia, España e Suecia, país no que reside actualmente, combinando o exercicio profesional coa documentación arquitectónica, especialmente en Europa. No seu tempo libre dedícase á conservación e restauración de vehículos antigos, cos que realiza longas viaxes para explorar e fotografar arquitectura. É tamén autor de numerosos artigos sobre arte e automóbil.