Alcaldes e concelleiros populares da zona centro da provincia reuníronse para reclamar cambios

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa
O PP reivindica “cambios” na Deputación de Lugo onde o goberno provincial “aplica a lei seca” aos veciños e veciñas dos Concellos onde non goberna PSOE e BNG
alcaldes-del-pp-zona-centro
13 Oct 2025

Os deputados do Grupo Provincial Popular mantiveron unha nova reunión con alcaldes e portavoces da zona centro da provincia nunha nova toma de contacto para coñecer da man dos representantes que están máis preto dos veciños e veciñas de cada concello as necesidades de cada municipio e, máis concretamente, as demandas en materias que son competencia da Deputación de Lugo e que o goberno de PSOE e BNG están a desatender polo que demandan “un cambio”.

Á nova xuntanza coa que dan continuidade ás reunións iniciadas cos representantes da zona sur da provincia asistiron os deputados Antonio Ameijide, José Ángel Santos, José Pardo, Francisco Balado, Armando Castosa e Héctor Corujo e alcaldes e portavoces das comarcas de Lugo, Sarria, A Ulloa, A Terra Chá e Meira que coincidiron en subliñar a falta de colaboración cos Concellos gobernados polo Partido Popular por parte do goberno provincial mentres que ofrece un trato preferente aos Concellos gobernados por PSOE e BNG.

Así, denunciaron “o reparto de fondos da Deputación a dedo” para colaborar cos Concellos gobernados por PSOE e BNG, mentres que aos Concellos con alcaldes do Partido Popular o goberno de Tomé lles aplica a “lei seca”: unicamente aporta o Plan Deputación, un plan obrigatorio por lei e que se implantou grazas ao PP para cumprir coa competencia que a lei outorga ás deputacións provinciais.

Á vista de que “todos os municipios precisan financiamento para prestar servizos aos veciños e veciñas e realizar obras de mellora en ámbitos da súa competencia”, os populares insisten en demandar “un reparto igualitario dos fondos” e, nese sentido, lembran que “pedimos en reiteradas ocasións incrementar o Plan Deputación para colaborar con tódolos concellos da provincia, pero Tomé preferiu incrementar de forma escasa e só para os grandes Concellos, esquecéndose dos lucenses que viven en municipios menos poboados”.

Aínda así, “algúns concellos pequenos dispoñen de man aberta por parte do presidente da Deputación e o goberno de PSOE e BNG que aproba cada venres convenios con Concellos gobernados polas súas cores políticas. É unha clara discriminación para o resto dos Concellos e, polo tanto, para os seus veciños e veciñas que tamén son lucenses”. E, “o máis indignante”, -subliñan- é que “cos convenios a dedo PSOE e BNG aproban sufragar máis investimentos para obras de mellora ou adquisición de maquinaria e todo tipo de gastos que non permiten a través do Plan Deputación, o único instrumento de colaboración con todos”: calquera tipo de gasto corrente –pago de facturas de gasoil, teléfono, calefacción, reparacións...-, contratación de grupos musicais, pagar diñeiro que lle deben á propia Deputación froito doutros convenios ou manter fundacións municipais que incluso pagan un sobresoldo a alcaldes.

Os deputados do PP subliñaron que “non nos cansaremos de reivindicar a igualdade de trato para tódolos Concellos porque consideramos de xustiza que a institución provincial atenda por igual as necesidades dos veciños e veciñas de tódolos concellos do conxunto da provincia”.

Tamén abordaron os populares a “preocupante” situación das residencias da Deputación pola “paralización” da construción das que están en obras -como, por exemplo, a de Guitiriz-, “o nulo avance” das que están prometidas e cos permisos concedidos polos Concellos – Folgoso do Courel e Portomarín- e cos centros de día pechados nos centros da rede provincial que se puxeron en marcha “curiosamente todos en Concellos gobernados por PSOE ou BNG. A pesar de que prometeron os centros de día aos veciños e veciñas, continúan sen prestarlles ese servizo”, apuntan.

Os representantes populares nos Concellos coincidiron en trasladar “as mesmas demandas do ano pasado” tras “outro ano de sectarismo e desaparición da Deputación para máis da metade da provincia” porque “o goberno de PSOE e BNG segue a desatender as nosas demandas e, incluso, as que son da súa competencia”. Tanto no ámbito da colaboración cos Concellos – como, por exemplo, na prestación de servizos básicos coma o ciclo da auga, outros servizos supramunicipais ou nas funcións atribuídas pola lei de benestar animal- coma no ámbito da xestión dos bens da súa titularidade como son as estradas provinciais intransitables en moitos puntos da provincia e que sofren atrasos nas tarefas de desbroce, inmobles da súa propiedade descoidados ou sen uso e distintas zonas verdes sen o debido mantemento”.

⚙ Configurar cookies
0.069226026535034