Alcanzado un principio de acordo para o metal de Lugo
Despois de catro días de folga, a patronal avanzou na súa oferta posibilitando acadar unha proposta de acordo que será sometida mañá venres a valoración da asemblea de traballadoras e traballadores. Se o persoal ratifica a proposta, procederase á desconvocatoria inmediata da xornada de folga de mañá e no caso de non validar a oferta, o calendario de folgas desenvolverase como estaba previsto.
A asemblea terá lugar a primeira hora deste venres, a partir 08.00 , aproveitando a organización dos piquetes informativos. Na proposta de acordo acadada na reunión da mesa de negociación celebrada hoxe, a patronal ofrece un incremento salarial para 2022 igual ao IPC dese ano, é dicir o 5,7%, garantindo así a recuperación do poder adquisitivo. Para 2023 a suba será do 3,5% e para os seguintes anos de convenio, 2024 e 2025, do 2,65% respectivamente. No conxunto da vixencia do convenio o incremento dos soldos dos será do 14,5%.
Ademais incorpórase unha cláusula de revisión anual conforme ao IPC real, que era unha das demandas ás que a patronal se negaba con máis forza, con atrasos ao corte, isto é a partir do primeiro mes no que o IPC real supere os incrementos pactados en convenio para cada anualidade. Inclúese unha prima de convenio correspondente ao ano 2022 de 865€.
Á espera de que se pronuncie a asemblea de traballadores e traballadoras, os sindicatos CIG, UGT e CCOO valoran de xeito positivo esta proposta que, a nivel retributivo, suporá que un/ha oficial de primeira cobrará uns 1600 euros ao ano máis, é dicir 150€ máis ao mes dende a primeira nómina que se reciba tras a sinatura do convenio.
Dende a parte sindical subliñan que "mover a patronal para chegar a esta proposta só foi posible grazas á mobilización, á unidade e á determinación amosada polo conxunto dos traballadores e traballadoras do sector, que secundaron de xeito masivo as folgas e as protestas convocadas para reclamar un convenio digno".