Alcer Lugo desenvolveu un obradoiro formativo dirixido a persoas con Enfermidade Renal Crónica

LugoXa
A sesión foi impartida polo traballador social Santiago Aller e centrouse no uso práctico de dispositivos móbiles como ferramenta clave para a xestión desta enfermidade
obradoiro-formativo-Alcer-Lugo
7 Feb 2025

A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais de Lugo (Alcer Lugo) organizou un obradoiro formativo na aula do Parque Infantil de Tráfico de Lugo, dirixido a persoas con Enfermidade Renal Crónica (ERC).

A sesión foi impartida polo traballador social Santiago Aller e centrouse no uso práctico de dispositivos móbiles como ferramenta clave para a xestión desta enfermidade.

O curso abordou aspectos fundamentais sobre a ERC, proporcionando unha explicación breve da condición e destacando os desafíos diarios aos que se enfrontan os pacientes, como o control estrito da dieta, a adherencia á medicación e o seguimento médico regular.

Un dos puntos destacados do taller foi a análise de como a tecnoloxía móbil pode mellorar a xestión da enfermidade. Santiago Aller explicou o papel das aplicacións móbiles na vida diaria das persoas con ERC, destacando aplicacións para o seguimento da saúde, permitindo rexistrar parámetros vitais como a presión arterial ou os niveis de creatinina; as lembranzas de medicación, que axudan a garantir a adherencia ao tratamento; e o apoio nutricional, con suxestións de menús e consellos para seguir unha dieta adecuada ás necesidades dos pacientes renais.

Durante o taller, os asistentes tiveron a oportunidade de probar diversas aplicacións e aprender o seu manexo práctico. Esta sesión permitiu que os participantes adquirisen competencias dixitais para integrar estas ferramentas na súa rutina diaria.

A Asociación también destacou a importancia do uso responsable das aplicacións, subliñando que estas deben ser un complemento ao seguimento médico profesional e non un substituto.

Con iniciativas como esta, Alcer Lugo reafirma o seu compromiso en apoiar as persoas con ERC, ofrecendo ferramentas innovadoras que melloren a súa calidade de vida e fomenten o autocontrol da enfermidade.

0.039592981338501