Alcer Lugo homenaxea aos doantes e familiares e sensibiliza á sociedade

LugoXa
O primeiro mércores do mes de xuño celébrase en España o Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos
Alcer Lugo
Foto de arquivo
3 Xuño 2024

Como cada ano, o primeiro mércores do mes de xuño celébrase  en España o Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos, organizado pola Unión de Trasplantados de Órganos Sólidos, co apoio da Organización Nacional de Transplantes (ONT), e que este ano leva por lema “Suma vida, multiplica vidas”.

O obxectivo deste día é homenaxear aos doantes e familiares en todo o territorio nacional pola súa enorme xenerosidade, ademais de sensibilizar á sociedade sobre a vital importancia que ten a doazón de órganos para as persoas que se atopan á espera dun transplante, xa que a doazón dun órgano ofrece máis vida á persoa que o necesita, pero ademais ese doante multiplica a vida de ata 8 persoas en lista de espera para un transplante de órganos.

Deste xeito, na cidade colocaranse tres mesas informativas no Concello, Deputación e no Hula. Tal e como apunta Ma José Otero Díaz, presidenta de Alcer Lugo, “todos podemos sumar vida e multiplicar vidas coa doazón de órganos e tecidos, para que outros que o necesitan, poidan salvar ou mellorar a súa calidade de vida. A nosa solidariedade pode significar un antes e un despois na vida doutras persoas. A doazón de órganos debe ser un tema que deixásemos claro e conversado cos nosos familiares e seres queridos para que, chegado o momento, ninguén dubide en sumar e multiplicar vidas coa doazón.

Especialmente, pódese axudar coa doazón en vivo, “que finalmente vai estar protexida socialmente por lei, cunha baixa protexida para calquera doante vivo, recoñecéndolles o maior xesto altruísta posible na nosa sociedade, e que teñan tempo de realizar as probas e de recuperarse tras a doazón”.

A Unión de Trasplantados de Órganos Sólidos (UTxS) é resultado da cooperación de catro entidades de pacientes: a Federación Nacional para a loita contra as Enfermidades do Ril (ALCER), a Federación Española de Fibrose Quística (FEFQ), a Federación Española de Trasplantados de Corazón (FETCO) e a Federación Nacional de Enfermos e Trasplantados Hepáticos (FNETH).

Segundo datos da ONT, en 2023 aumentaron os transplantes un 9 % alcanzando un total de 5861 transplantes en toda España. Este alto nivel de actividade alcanzouse grazas ás 2.346 persoas que doaron os seus órganos tras falecer, o que sitúa a taxa de doazón en 48,9 doantes p.m.p., e ás 435 persoas que doaron un ril (433) ou parte do seu fígado (2) en vida. Estes datos supoñen un crecemento do 7 % en doantes falecidos e un 24 % en doantes vivos con respecto ao ano previo.

Con todo, a pesar deste notable aumento nas doazóns durante o último ano e da elevada actividade de transplante en España, aínda persiste un importante número de pacientes en lista de espera. Ao 31 de decembro de 2023, a lista de espera situábase en 4.790 pacientes.

Por iso, é fundamental lembrar a importancia da doazón de órganos para que moitas persoas poidan seguir vivindo, así como o agradecemento aos doantes e as súas familias, xa que, grazas a eles iníciase un proceso que cambia a vida de miles de persoas cada ano no noso país, e que tampouco sería posible sen o labor dos profesionais sanitarios e o Programa Nacional de Doazón e Transplante da ONT xunto ás Comunidades Autónomas.

 

0.19412779808044