Alcer Lugo visibiliza a enfermidade renal polo Día Mundial do Ril
A Enfermidade Renal Crónica (ERC) converteuse nun grave problema de saúde pública tamén en España, onde se estima que afecta xa ao 15 % da poboación. Ademais, o número de persoas que están en diálises ou transplante para substituír a función dos seus riles aumentou máis dun 30 % na última década no noso país, situándose en 1.411 pacientes por millón de poboación.
Dende Alcer Lugo, poñen en marcha actividades polo Día Mundial do Ril que se celebra este ano baixo o lema “Promovendo a igualdade no acceso á atención sanitaria” para incidir na necesidade de garantir a igualdade e un acceso equitativo aos recursos sociosanitarios e tratamentos renais para as persoas ERC, independentemente da comunidade ou o lugar onde resida.
Este xoves o colectivo instalará mesas informativas na Deputación, no HULA e tamén no Concello de Lugo. Con esas propostas preténdese visibilizar a enfermidade que segue sendo “unha gran descoñecida na nosa sociedade”, sinala a presidenta, María José Otero Díaz. Deste xeito, incídese na importancia da prevención e estar pendentes dos nosos riles. “Debemos implementar un plan de saúde renal nacional, con estratexias claras para previr, detectar, manexar e tratar ás persoas con enfermidades renais, con indicadores de calidade para que se implementen en todas os comunidades autónomas, e así evitar a variabilidade”.
As políticas de saúde só están completas se inclúen a prevención, detección precoz e equidade no acceso aos tratamentos e recursos sociosanitarios. Na enfermidade renal é crucial un diagnóstico precoz para poder atrasar e manexar a progresión da enfermidade todo o posible. “Debemos recoñecer entre todos a importancia dos riles, do mesmo xeito que recoñecemos a importancia do corazón ou do cerebro. A poboación xeral debe facerse un recoñecemento anual para coñecer o seu filtrado glomerular e o seu creatinina, para familiarizarse con estes termos do mesmo xeito que sucedeu co colesterol ou o azucre”.