Alcer Lugo visibiliza a importancia da doazón de órganos
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro acompañou á Asociación para a Loita contra as Doenzas Renais -ALCER- no Día Nacional do Doante de Órganos xunto a representantes do CB Breogán. A entidade lucense instalou unha mesa de cuestación na Praza de San Marcos para visibilizar a importancia da doazón de órganos para enfermidades como as renais.
Castro destacou a importancia de apoiar a entidades sociais que dan a man aos lucenses e “a través do deporte, no marco do patrocinio entre a área de deportes e o Breogán, impúlsase a participación en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a centros educativos ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais”.
Tamén se achegou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, á mesa de informativa que instalou na Praza de San Marcos para sensibilizar sobre esta doenza. Rivera Capón trasladoulle aos representantes do colectivo o apoio da Deputación ao traballo de Alcer Lugo, que leva máis de 40 anos na provincia e que na actualidade conforman preto de 400 socios.
A institución provincial colabora con esta asociación cunha achega de 5.000 euros destinados a facilitar o seu labor, que consiste na mellora da calidade de vida das persoas con insuficiencia renal crónica na provincia.