Alejandro Álvarez gañou o primeiro premio da VII edición dos Premios Rafael Crecente
Alejandro Álvarez gañou o primeiro premio da VII edición dos Premios Rafael Crecente, de iniciativas innovadoras de xestión territorial, impulsado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER).
O deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, apuntou que o evento “ten unha carga simbólica especial, pois é unha homenaxe a Rafael Crecente Maseda, unha figura pioneira na conservación do medio ambiente, o desenvolvemento do rural e a xestión territorial. A súa traxectoria é un exemplo de compromiso coa nosa terra e un referente para todos os que traballamos nestes ámbitos”.
Así mesmo, puxo en valor o papel fundamental que desempeña a universidade pública no desenvolvemento da provincia, “coa que a Deputación ten un compromiso firme, sendo a institución provincial de España que máis achega á universidade".
Ademais, di que no caso do Campus de Lugo, "cómpre destacar o vínculo estreito entre docentes, investigadores e o sector agrario e gandeiro. Este diálogo constante, que apoiamos e respaldamos dende a Deputación, co sector primario permite o desenvolvemento de innovacións científicas que melloran os procesos produtivos, potencian o benestar animal e fomentan a creación de novos produtos e técnicas de traballo. Este enfoque, que une tradición e innovación, é esencial para asegurar un futuro sostible para o noso rural”, afirmou o deputado.
Así, felicitou aos premiados e premiadas, que este ano foron Alejandro Álvarez, pola iniciativa 'Establecemento dun sistema silvopastoral no monte público de Rascalobos' na Serra de Pena Forcada, entre os concellos de Laxe e Vimianzo, coa introdución de cabalos que pacen os terreos contribuíndo á prevención de incendios e amosando os usos múltiples do monte; Lucía Gómez Taboada, pola 'Avaliación do comportamento do lume potencial en rodais de Piñeiro'; e Fernando Cabana Porto, polo seu traballo 'Análises xenómicas en poboacións naturais de Arnica Montana L.'.
Destacou, ademais, que o profesor Rafael Crecente foi un pioneiro na conservación do medio ambiente, o desenvolvemento do rural ou a xestión do territorio e “penso que o mellor xeito de honrar a súa memoria e seguir investigando nas áreas ás que el dedicou o seu traballo”.
Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, parabenizou as persoas premiadas, valorando “o seu esforzo innovador e dedicación para transformar este país con ideas e proxectos intímamente achegados ás persoas e ao territorio rural” e destacou a oportunidade que estes premios supoñen “para impulsar e dar visibilidade a estas iniciativas epara recoñecer o legado investigador e docente de Rafael Crecente”.
A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo forma parte da Xunta de Goberno do padroado do IBADER, un instituto universitario de investigación científico-técnica que centra a súa actividade no medio rural, con dúas grandes liñas de traballo: Ambiental (Biodiversidade, Planificación e Ordenación do Territorio, Desenvolvemento Rural, Economía Sustentable, Sistemas de Información Xeográfica, Observación Remota) e Agrosistemas (Alimentos, Recursos Agrícolas, Gandeiros e Forestais, Solos, Auga, Residuos).