Alejandro Álvarez, recoñecido como mellor condutor de autocares de 2025

LugoXa
O profesional de Becerreá logrou os tres títulos —Mundo, Europa e España— tras destacar en case todas as probas da competición
Alejandro-Álvarez-Mellor-Conductor-de-Autocares-2025
26 Nov 2025

O lucense Alejandro Álvarez Méndez converteuse no Mellor Condutor de Autocares 2025 nas categorías Mundo, Europa e España, un triplo recoñecemento acadado no marco da feira ExpoBus Iberia.

O profesional, que traballa na empresa Aubesa e é natural de Becerreá, impúxose a preto de 70 participantes procedentes de distintos puntos de España e Portugal nunha competición que esixía dominio técnico, precisión e serenidade ao volante.

Con apenas 30 anos, Álvarez asinou unha actuación que chamou a atención do xurado en boa parte das probas pola súa destreza e finura. Na avaliación de altura, conseguiu un cálculo cunha marxe de só un centímetro, mentres que na de aparcamento obtivo a máxima puntuación tras executar a manobra con exactitude milimétrica. Ademais, realizou algunhas das prácticas en horario nocturno, unha dificultade engadida que lle permitiu destacar aínda máis ante o tribunal cualificador, integrado por técnicos e formadores da empresa TECE, que o definiron como un “magnífico condutor”.

Aínda que o seu rendemento foi notable na maior parte das avaliacións, Álvarez recoñeceu que as probas de altura e anchura resultaron as máis complexas, mentres que o slalom foi a que máis gozou por ser “moi entretido”. Todas as manobras desenvolvéronse nun circuíto específico habilitado no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA, utilizando vehículos da marca MAN equipados coa tecnoloxía máis avanzada. A compañía automobilística actuou como principal patrocinadora, acompañada polo Sindicato Libre de Transporte (SLT) e Proformatrans como entidades destacadas.

Esta era a primeira vez que o condutor participaba no certame, que definiu como “unha experiencia enriquecedora, moi interesante e para lembrar”. Non puido recoller o premio en persoa por atoparse traballando, polo que foi a súa compañeira en Aubesa, Ainhoa Valledor, quen subiu ao escenario no seu nome para recibir o recoñecemento. Álvarez coñeceuse co fallo do xurado a través da organización, que lle comunicou a decisión entre “sorpresa e moita ilusión”.

⚙ Configurar cookies
0.074825048446655