Alertan ao ministro Luis Planas do grave impacto da macrocelulosa de Altri nos sector primario galego

LugoXa
Alertan ao ministro Luis Planas do grave impacto da macrocelulosa de Altri nos sectores primarios galegos.
2 Maio 2024

Alertan ao ministro Luis Planas do grave impacto da macrocelulosa de Altri nos sectores primarios galegos. A economía da comarca da Ulloa está baseada principalmente na agricultura e gandaría, sector primario ao que afectaría gravemente a implantación na zona dunha nova fábrica de produción de celulosa, a promovida por Altri. Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Sindicato Labrego Galego e a Plataforma Ulloa Viva trasladaron por carta ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas Puchades, a súa preocupación ante a posibilidade de que se lle concedan fondos públicos a este proxecto.

Trasladan que a propia empresa manifestou que necesita optar cando menos a un cuarto do seu investimento previsto de cartos públicos –uns 250 millóns de euros dos 900 que di investirá–, para comezar a construír as súas instalacións, centrando actualmente as súas miradas nos fondos Next Generation e o PERTE de descarbonización. Xunto á carta, engadiron un informe que repasa as principais afectacións que provocaría ese proxecto industrial no corazón do rural galego.

Despois de estudar a documentación presentada pola compañía, as organizacións asinantes da carta manifestáronlle ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación a súa firme oposición ao proxecto polos enormes impactos socioambientais que se producirán no xa moi castigado medio rural e ao sector agroalimentario, gandeiro e pesqueiro de Galicia. Asemade, chaman a atención sobre o irracional que sería conceder fondos públicos a unha actividade tan destrutiva co medio ambiente e os sectores primarios galegos.

Entre os moitos impactos negativos que detectan, alertan sobre a localización da enorme instalación, unhas de 360 hectáreas, aproximadamente dez veces o tamaño de Ence en Pontevedra. Segundo as organizacións o proxecto afecta directamente á rede Natura (Serra do Careón, Sistema Fluvial Ulla-Deza, desembocadura do Ulla e Parque Nacional das Illas Atlánticas en Cortegada) e mesmo aos propios proxectos de ampliación da rede Natura da Xunta de Galicia. Tamén informan ao ministro que a zona alberga varios raros endemismos botánicos en perigo de extinción e moitas especies que deben ser obxecto de medidas de conservación do seu hábitat.

Importancia do sector primario

Mais sobre todo inciden na importancia do sector primario tanto na Ulloa coma na ría de Arousa e por iso piden a intervención do ministro Planas. Afirman, que A Ulloa non é unha comarca nin atrasada, nin baleirada, nin empobrecida. De feito, sosteñen que conta cun sector primario que dá traballo ao 22 % dos seus habitantes –21,83% Agolada; 24,85 % Palas de Rei; 29,87 % Santiso–, moi por riba da media galega, que está no 6,3 %. Conta tamén con numerosas explotacións de vangarda, ecolóxicas e moitas explotacións de Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas, entre elas a D.O.P Arzúa-Ulloa, a segunda das D.O.P. de queixos que máis vende en España.

Tamén alertan ao ministro sobre os impactos que podería ter para a pesca artesanal e o sector marisqueiro galego a ría de Arousa, a máis produtiva, pero tamén máis ameazada, do país. Asemade, inciden en que Galicia non pode soportar outra industria que reverta nunha maior eucaliptización do territorio. Numerosos estudos científicos demostraron que a esaxerada proliferación destes monocultivos no noroeste peninsular está directamente relacionada coa perda de biodiversidade, a deficiente integridade ecolóxica, a inflamabilidade da paisaxe e mesmo coas limitacións á hora de mitigar o cambio climático.

0.19858598709106