Alertan sobre novos proxectos de minaría de ouro nos Ancares

Ecoloxistas en Acción alerta sobre novos proxectos de minaría de ouro nos Ancares e pide avanzar na reciclaxe de aparellos electrónicos.
minas ouro ancares navia suarna
6 Jun 2023

Ecoloxistas en Acción rexeita a autorización de novas minas de ouro e pide avanzar na reciclaxe de aparellos eléctricos e electrónicos.

Ecoloxistas en Acción, xunto con ducias de colectivos e comunidades afectadas presentaron alegacións opoñéndose ao cuarto permiso de investigación mineiro de ouro solicitado pola empresa canadense Western Metallica no concello asturiano de Ibias, desta volta a apenas 150 metros do límite co concello galego de Navia de Suarna e do Lugar de Importancia Comunitaria Os Ancares - O Courel.

As organizacións ecoloxistas en Asturias e Galicia denuncian que a Dirección Xeral de Minaría do Principado admitira o permiso de investigación sen a preceptiva avaliación de impacto ambiental, "obrigatoria cando, como neste caso, é previsíbel que a actividade poida causar impactos directos ou indirectos sobre espazos protexidos". Destacan tamén "a absoluta falta de detalle e rigor" da documentación presentada, que mesmo omite a existencia dos espazos protexidos e non establece ningunha medida para minimizar impactos.

Este permiso, que afecta tanto á parroquia asturiana de Sena, en Ibias, como á de Santo Estevo da Ribeira, xa en terras de Navia de Suarna, súma aos tres xa concedidos á empresa canadiense en zonas próximas á raia entre as dúas comunidades e que forman parte dunha nova “febre do ouro” na comarca do Eo-Navia e occidente de Asturias. "A estos permisos hai que engadir a última tentativa de abrir unha mina de ouro nas Lagoas de Salave, en Tapia, que verterían as súas augas contaminadas directamente ao mar, cos consecuentes impactos sobre a pesca, o marisqueo e a biodiversidade mariña".

Desde Ecoloxistas en Acción manifestan o seu rexeitamento frontal á abertura de novas minas de ouro, unha vez que o subministro deste metal para usos non especulativos pode garantizarse a perpetuidade mediante a recuperación de metais e minaría urbana. Por exemplo, a planta de recuperación de metais desde residuos eléctricos e electrónicos de Umicore na Bélxica produce anualmente 100 toneladas de ouro e 2.400 toneladas de prata, mentres que, en comparación, a compañía canadense Rio Narcea Gold Mines obtivo na mina de El Valle-Boinás apenas 27 toneladas nunha década, provocando a contaminación do río Cauxa con arsénico, selenio, cobre e outros metais pesados. O proxecto de Salave en Tapia prevé tardar 16 anos para extraer a mesma cantidade.

Un estudo lanzado por Ecoloxistas en Acción, Reciclaje de metales: la alternativa a la minería, aclara que hai 100 veces máis concentración de ouro nun teléfono móbil do que en calquera das minas que se pretenden abrir, mais unha parte importante dos teléfonos desbotados e outros residuos electrónicos acaban incinerándose ou en vertedeiros, perdendo para sempre os metais valiosos que conteñen.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1854100227356