Álex, director e adestrador do CHL Meigas: “Quero ser o adestrador que eu non puiden ter”

Jessica Fernández
Por que decidiu dar o paso a xestionar o club?
Decidín tomar a iniciativa de dirixir o club hai dous anos porque a anterior directiva levaba moito tempo e o club estaba collendo mal rumbo, no sentido de que tiñamos moi pouquiños nenos e os pais estaban descontentos. Por iso, quixemos darlle un cambio, e Candela, que é a miña parella, e eu puxémonos á fronte do proxecto. Temos outra mamá do club que nos axuda e á tesoureira, e con iso imos facendo.
Como valora a evolución do club?
O club nace máis ou menos en 1999, aínda que antes as rapazas que formaron a asociación xa practicaban hóckey. A idea inicial era promover o hóckey dunha maneira máis organizada tanto en Lugo como en España. Meigas é un club histórico, porque estivo desde o principio tanto na Federación Galega, como na Federación Española, en ambas na sección de hóckey liña. Cando se crea a primeira liga nacional feminina, Meigas tamén está aí, aínda que sexa a un nivel máis baixo, porque aquí en Galicia non estaba moi desenvolvido o hóckey por ese momento. E vai nacendo a base con nenos que as rapazas ven xogar ou xente que quere ir incluíndose. Co tempo, fomos mellorando, pero hai que dedicarlle tempo, e cando empezamos a ver que nós iamos a menos mentres que os clubs de Galicia crecían, decidimos darlle un cambio. Así, as estatísticas indícannos que, actualmente, somos un dos equipos con máis xogadores en categorías prebenxamín e benxamín. Pero isto é un proxecto a longo prazo e a nosa idea é que os nenos que agora son prebenxamíns e benxamíns vaian medrando para que o club tamén medre.
Cantos grupos de nenos teñen?
Nós dividimos os socios entre os que practican hóckey e os que practican patinaxe. No equipo prebenxamín son 18 nenos máis 3 porteiros. Somos o equipo máis amplo da competición con diferenza. Na liga benxamín sacamos dous equipos con 11-12 xogadores cada equipo.
Hai máis adestradores no club?
Si, Álex González é o segundo adestrador de todos os equipos, o adestrador de porteiros, o adestrador principal do equipo alevín e para min é unha parte ultra fundamental do proxecto deportivo. Eu consulto con el calquera decisión que teña que tomar porque é da miña plena confianza. Despois, temos algunhas rapazas que nos dan apoio de maneira voluntaria. Elas axúdannos e fórmanse, podendo levar algún equipo elas soas no futuro. Se o proxecto funciona na liña que che comentaba, ao final é imposible que dúas persoas leven oito equipos e que se encarguen das clases de patinaxe e demais. Por iso, teño que ir formando á xente que vexa máis interesada para poder ir dándolle pequenos papeis no futuro.
Cal é a filosofía que segue nos adestramentos?
Eu fun vivir a Barcelona durante tres ou catro anos, e considero que alí é a primeira vez que teño un adestrador de verdade. Por iso, a miña mentalidade é ser o adestrador e dar o club que eu non puiden ter no seu momento. Por iso, dedico moito tempo tanto aos pequenos como aos adolescentes, xa que con 14 ou 15 anos necesitan unha preparación física fóra de pista e ti lles tes que dedicar ese tempo para axudalos na parte física e técnica, para evitar lesións. Por outra parte, á hora de ensinar, hai que atopar un equilibrio entre ser súper pedagóxico, facer que entendan as cousas; e non darlle todo feito. En pedagoxía chámase descubrimento guiado, que é que ti lles vas poñendo uns parámetros, pero vas deixando que eles sexan os que atopen a maneira de facelo.
Que resultados do club poderían destacar?
Na primeira xeración de rapazas que eu adestro hai un par de anos, no sénior feminino, dúas rapazas, Uxía e Paula, entraron na Selección Española e conseguiron moitos logros deportivos. Uxía é dúas veces campioa de Europa, Paula é unha, e a verdade que para un club tan pequeno e humilde como nós é un gran orgullo. E tamén estou orgulloso de como xogan os meus equipos de agora. Son bastantes nenos, pero intentamos que cada un deles vaia atopando a súa identidade como xogador, porque todo o mundo ten un espazo. Os nosos equipos sempre son competitivos e é unha cousa que a nós nos fai sentir orgullosos, sobre todo porque nestas categorías o foco non debería estar posto en gañar ou perder, ti tes que formar persoas e deportistas: tes que explicarlles como se xoga ese deporte, que tipo de recursos poden utilizar, introducirlles un pouco a táctica e axudalos a desenvolverse na pista.
Que beneficios ten o hóckey?
Para min o máis importante é que os nenos aprendan leccións de vida, como que vas ter compañeiros máis aptos ca ti e menos aptos ca ti, e que vas ter que convivir con eles. Ademais, verán que, sendo un deporte minoritario como somos, traballar de maneira profesional neste é moi, moi, moi complexo. No deportivo, a capacidade de coordinación que se adquire no hóckey é altísima, porque ti vas patinando e ademais tes que xestionar un elemento externo, o puck e ademais non interactúas directamente con el, senón que hai un intermediario, o stick; polo que a capacidade de coordinación, a base de ter tantos estímulos distintos, é altísima. Ademais, é un deporte moi completo, porque ti necesitas moita forza, xa que é un deporte de contacto, que pode ser agresivo, pero para nada violento. Necesitas forza para ese contacto, axilidade para esquivar aos rivais e desenvolves moito a resistencia, porque ti tes que estar un minuto e medio na pista, correndo, loitando polo puck, desmarcándote, defendendo, e tes un minuto e medio para descansar no banco mentres xogan os teus outros compañeiros.
Cal é o seu proxecto de futuro?
Gustaríanos ser o primeiro equipo, que é un proxecto que sabemos que vai levar anos, en ter dous equipos prebenxamíns, dous benxamíns e dous alevíns, dunha maneira sostida. Esa é a miña maior ambición. E despois, a nivel de instalacións, calquera que pasase polo pavillón Daniel Cordido Castro pódeo ver. O Concello regalounos unha pista de hóckey que é a mellor de Galicia porque o chan é específico de baldosas de plástico; pero é unha mágoa que se vexa opacado por como están as instalacións. Hai pingueiras na pista, que é incluso perigoso, nos cuartos onde gardamos o material, e os baños están fatal. E ao final, Lugo, que ten dous equipos que compiten en categorías nacionais, que sempre foi un referente en Galicia do hóckey liña, que se vexa empañado por como están as instalacións, é unha mágoa.