Alexandre Penas afirma que a cuberta do colexio Paradai necesita unha reforma integral

LugoXa
Resposta así ao delegado da Xunta indicando que unha obra así é competencia do Goberno autonómico
colexio-paradai-lugo
19 Jan 2025

O edil de Infraestruturas Urbanas do Concello de Lugo, Alexandre Penas, resposdeu ao delegado da Xunta en Lugo a respecto da situación do pavillón deportivo do Colexio de Paradai. Penas afirmou que "hai indignación pola parte dos servizos técnicos coas declaracións do delegado da Xunta de Galiza con respecto as obras deste centro escolar, dado que afirma que as arquetas non están limpas e que as goteiras do pavillón son meras cuestións de mantemento".

Penas afirmou que o sistema de recollida de augas do centro está, segundo indican os técnicos municipais, cun axeitado mantemento, e as goteiras se producen "por non ter capacidade para xestionar a auga da choiva, eiva que ten que ser corrixida por parte da Xunta de Galiza, ao non tratarse de mantemento da instalación".

O edil de Infraestruturas destacou que a Xunta "ten que arranxar a cuberta e solucionar as goteiras que supoñen molestias entre as e os usuarios da instalación", e engadiu "non se trata só da comunidade educativa, senón dun importante número de equipos de distintos deportes que usan este espazo para adestrar".

Na actualidade, esta instalación é utilizada entre as 18:00 e as 00:00 horas de luns a domingo por persoas alleas á comunidade educativa, e en horario lectivo polo estudantado do correo. As actividades en múltiples ocasións teñen que modificarse debido ás goteiras producidas polo deseño da cuberta desta instalación.

0.18694710731506