Alexandre Penas reclama á Xunta que revise a sinalización da estrada da Fonsagrada en Castelo

LugoXa
Criticou que a Xunta "colocase un dos novos sinais xusto antes da incorporación, o que fai que esta medida sexa inútil ao non ser a nova velocidade máxima visible para todos os vehículos que se incorporan á vía"
sinalizacion-castelo-50
12 sep 2024

O concelleiro do BNG, Alexandre Penas, reclamou á Xunta de Galiza que revise a nova sinalización da estrada da Fonsagrada, despois de reducir a velocidade máxima permitida de 70 a 50 Km/h. O edil do BNG afirmou que a nova limitación "é positiva e vai na liña das reclamacións das veciñas e veciños de Castelo ás que nos sumamos desde o BNG, que reclaman unha estrada máis segura para os peóns, con beirarrúas e pasos de peóns que permitan acceder aos distintos puntos do núcleo de Castelo", pero criticou que a Xunta "colocase un dos novos sinais xusto antes da incorporación, o que fai que esta medida sexa inútil ao non ser a nova velocidade máxima visible para todos os vehículos que se incorporan á vía".

A normativa estatal de sinalización (Norma 8.1 IC de febreiro de 2014) especifica nos criterios de colocación de sinais verticais que os sinais de regulamentación, como o sinal de velocidade máxima, se deben colocar no punto onde comeza a súa aplicación, repetíndose despois dunha entrada ou converxencia na vía. A Xunta incumpre esta normativa ao colocar o sinal antes da converxencia e non despois.

O BNG defenderá no pleno de setembro unha proposición que recolle as demandas das veciñas e veciños de Castelo, ademais de achegar reclamacións veciñais relacionadas coas estradas de Friol e Portomarín. Na estrada da Fonsagrada reclámase tamén a instalación de pasos de peóns nas paradas de bus para evitar que as persoas, especialmente as de avanzada idade ou con problemas de mobilidade teñan que cruzar unha estrada aberta ao tráfico ou a creación dunha beirarrúa que una a rúa San Eufrasio co Carqueixo, creando un itinerario peonil seguro, mentres que nas estradas de Portomarín e Friol reclámase tamén que se solucionen as deficiencias atopadas á hora de facilitar o acceso ás paradas de bus urbano. No caso da LU-612, só se atopa un paso de peóns ao comezo do percorrido, na intersección coa Estrada Vella de Santiago, dificultando o acceso das veciñas e veciños dos núcleos de Piugos e da contorna ás paradas de bus. Trátase de pasos de peóns moi reclamados pola veciñanza, dado que se trata dunha zona con numerosa poboación. A LU-232 non conta con ningún paso de peóns, malia que esta estrada conta con cruzamentos do Camiño Primitivo.

0.12568187713623