Alfonso Rueda defende que a Xunta de Galicia "ten un plan para Lugo"

LugoXa
A provincia de Lugo é a que conta cun maior investimento por habitante nos Orzamentos, "o que evidencia que o Goberno galego si ten un plan tanto para a provincia como para a súa capital"
PinchoNavidad_Lugo-PP
17 Dec 2024

O Partido Popular de Lugo celebrou o seu tradicional pincho de Nadal na súa sede da cidade amurallada, un acto ao que acudiu o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen defendeu que o partido "é un exemplo do ADN popular, é dicir, da política real e útil para os veciños, similar á que se visualiza nas contas da Xunta".

Así, destacou que a Xunta "ten un plan para a cidade, tal e como plasman os Orzamentos autonómicos que se aprobarán no Parlamento de Galicia".

O vindeiro ano 2025 haberá "importantes investimentos, como 12,1 millóns de euros para vivenda, 4 millóns para remodelar a residencia das Gándaras, 6,2 millóns para a Intermodal ou 1,3 millóns para a reforma integral do centro de saúde da Milagrosa". Ademais, destaca a aposta polos servizos sociais, con investimentos para proxectos que buscan mellorar a vida dos veciños e veciñas.

A provincia de Lugo é, das catro, a que conta cun maior investimento por habitante, "o que evidencia que o Goberno galego si ten un plan tanto para a provincia como para a súa capital. Ao contrario, lamentou o líder dos populares galegos, os que non teñen plan son os que calan ante a falta de chegada da alta velocidade ferroviaria ou os que levan anos atrasando a autovía a Santiago (A-54), porque só buscan manterse no poder".

Por último, Rueda celebrou que os lucenses teñen a sorte de contar cun Partido Popular construtivo, comprometido e esixente, baixo o liderado de Elena Candia, "un referente dos mellores valores do partido: traballo, compromiso e eficiencia".

PROMESAS DE FUTURO

Pola súa banda, a voceira do Grupo Popular de Lugo e presidenta do PP provincial, Elena Candia, dixo que “estamos aquí para traballar, para mellorar a vida da xente, para resolver problemas e materializar o noso modelo de cidade”, afirmou.

A popular fixo tamén fincapé os investimentos da Xunta en Lugo en materia de vivenda, así como o destinado á ampliación do polígono das Gándaras, un parque empresarial que se consolidará como un motor de creación de emprego e xeración de oportunidades para as empresas e os lucenses. “Este 2024 foi un ano de gran intensidade, pero tamén de moita ilusión, porque estamos facendo realidade, paso a paso, proxectos que mellorarán Lugo”, subliñou.

Así mesmo, Candia puxo en valor que o Grupo Municipal do PP non se limita a fiscalizar, senón que tamén exerce un papel activo como un “goberno paralelo”, traballando para achegar solucións concretas e conseguir investimentos clave para a cidade. “Seguiremos traballando con ilusión e determinación para que Lugo continúe avanzando”, concluíu.

Durante a súa intervención tamén se referiu ao apoio da Xunta para transformar o barrio de San Antonio coa construción do Centro Integral de Saúde, así como a posta en marcha da nova residencia de maiores con 120 prazas. Ademais, salientou o compromiso de facer o novo centro de saúde do Sagrado Corazón, co compromiso do Goberno galego para estudar a implantación doutros servizos demandados pola cidadanía no antigo colexio do barrio.

Salientou tamén os avances na atención ás persoas, mencionando o investimento para a reforma das residencias das Gándaras e da Milagrosa, a posta en marcha dun centro de día para persoas con trastorno do espectro autista ou a reforma do Centro de Saúde da Milagrosa.

Na área de mobilidade, a voceira popular destacou a construción da estación Intermodal e a creación dun novo aparcadoiro no barrio de Abella de 150 prazas; a restauración do patrimonio local, arranxo humidades da Catedral, restauración do Tellado da Igrexa do Carme, a reforma do estadio Anxo Carro, ou a mellora dos lagos de Teixeiro.

0.16719007492065