Alís Martínez, de Heiko: “O máis importante é que cada persoa atope a súa relación coa música”

LugoXa
Alís Martínez, directora da Escola Musical Creativa Heiko desde o ano 2017 co fin de ensinar música dun xeito diferente
Alís-Martínez-Heiko-Lugo
26 Sep 2025

Jessica Fernández

Que diferencia Heiko doutras escolas de música de Lugo?

Lugo é unha cidade que, tendo en conta a súa extensión, goza dunha gran variedade de escolas de música e cando puxemos en marcha Heiko en 2017 fixemos unha gran aposta por ter unhas instalacións modernas, bonitas e cómodas, xa que tanto o profesorado como o alumnado pasamos moitas horas aquí. Temos seis aulas amplas, iluminadas e equipadas con todo o material necesario para o desenvolvemento da ensinanza musical, así como tamén contamos con tres baños e unha cociña para o profesorado. Con respecto aos instrumentos, investimos moito diñeiro en dispoñer de moitos para que así o alumnado poida tocar durante as súas clases e, incluso, ofrecemos a posibilidade de que poidan alugar por un euro ao día un deses instrumentos para que practiquen na casa e decidan se queren mercalo ou non, xa que é un gran investimento para as familias.

Cal é o obxectivo principal na escola?
Que cada neno, nena ou adulto ou adulta atope a súa relación coa música, iso é o máis importante; que cada quen saiba para que a quere, para que a necesita, como a goza, é importante que consigamos que cada un coñeza o seu obxectivo, esa sería a meta.

Con canto alumnado contan?
O ano pasado quedamos moi preto dos 200 e agora agardamos pasar dos 200 para este ano, aínda que eu conformo sempre con manter a todo o mundo que vén e todo o que teña máis, pois benvido sexa. Agora estamos a ter moitísimas clases de proba e oxalá sigamos así podendo ensinar, porque sempre ofrecemos clases gratuítas para que veñan probar e experimentar o que é a clase e así despois decidir en base ao que xa coñecen.

Como é a metodoloxía de ensinanza?
A metodoloxía coa que traballamos é Musicaeduca, que é a nosa rama troncal, porque é a metodoloxía líder en estimulación musical temperá a nivel estatal. De feito, o máis importante é a rede de apoio coa que contamos todas as escolas. Somos escolas autorizadas, e cada unha temos identidade propia, pero traballamos coas mesmas ferramentas. Por iso, estamos especializadas nesta rama, que é a partir dos 10 meses, empezando cos bebés e cos pais na aula, e iso fai que o desenvolvemento do oído comece case desde que nacen. É unha forma de que os nenos se vaian introducindo na música a través do xogo, do conto, do baile e da canción.

Ademais desta especialización, contan con máis grupos de idade.
Non temos límite de idade, temos alumnado ata os 110 anos. Temos instrumentos de todo tipo: o violín, o piano, batería, violonchelo, trompeta, gaita… Entón, a partir dos 5 anos que comezan a formación instrumental en formato grupo, poden elixir catro grandes grupos, que son percusión, teclado, violín ou guitarra. E despois, xa a partir dos 8 ou 9, ou cando cada un queira, poden empezar as clases individuais ou poden manter o grupo, que temos incluso grupos de adultos, ao mellor xubilados que queren vir nun grupo de guitarristas e veñen tres ou catro amigos e tocan a guitarra xuntos. Pero os que queiran unha formación instrumental xa máis específica ou incluso preparar probas para acceder ao conservatorio, tamén o facemos. É dicir, formamos tamén en linguaxe musical, a harmonía, incluso historia da música. Outra das cousas que introducimos este ano é o conxunto instrumental. É dicir, en lugar de xuntarse varios instrumentos do mesmo tipo, como unha colectiva de violonchelos, tamén facemos grupos de música moderna, nos que se mesturan instrumentos como piano, batería, cantante e guitarrista, facendo versións de cancións dos estilos musicais que a eles lles gusten. Despois, organizamos actuacións para que poidan amosar ás súas familias todo o que están a aprender.

Non hai problema entón en mesturar idades e instrumentos, non si?
O principal é a primeira etapa de estimulación musical temperá, na que non se mesturan idades. Despois, temos a aula de infantil na cal xuntamos os grupos por data de nacemento. Son grupos reducidos, pero non se mesturan máis dun ano. Os do 2022 van todos xuntos, os do 2023 van todos xuntos e aí non hai mestura. Pero despois temos proxectos comúns na escola, como no Nadal e no fin de curso, nos que xuntamos a todos. Este ano tivemos o peche de curso no Gustavo Freire e chegamos a xuntar 70 pequenos no escenario.

Tamén fomentan actividades específicas para o alumnado con altas capacidades.
Persoalmente, entrei no mundo das altas capacidades e decateime das poucas ferramentas que teñen as familias e da falta de profesionais que as atendan. E é moi difícil que desde os colexios se faga, xa que hai carencias de especialistas que poidan acompañar a estas familias. Entón, paréceme moi importante poder ter recursos para que os pais poidan buscar e entender. Moitas veces o problema da ensinanza é que ensinamos desde como é o adulto. E o máis importante é ensinar desde como é o receptor, o alumno. Moitas veces, nenos con altas capacidades foron considerados nenos que se portaban mal, pero quizais era porque a mellor a forma de ensinanza para eles era aburrida, ilóxica, ou repetitiva. E desaproveitar esas mentes é unha mágoa. Aquí entramos nós, xa que a música está moi vinculada ás altas capacidades, porque normalmente a xente que ten altas capacidades ten un lado creativo moi importante. Nós temos na escola varios casos e é moi importante atopar a forma de que poidan realmente dar todo de si e gozar do camiño. Pero non só atendemos a alumnado con altas capacidades, tamén detectamos moitos pequenos con autismo, polo que imos intentar centrarnos tamén na neurodiverxencia, porque é algo que estamos a ver moito e necesitamos formación e especialización. Con todo, movémonos no dilema de ata que punto podemos axudar como músicos, porque necesitamos tamén ferramentas especialistas. Entón este ano nós imos tentar buscar tamén obradoiros e ferramentas nas cales poidamos ter formación para o profesorado e se podemos conseguir un apoio ás familias, pois sería tamén fantástico.

Que outros proxectos de futuro teñen en mente?
Parécenos interesante fomentar contacontos musicais. Hai un ano xurdiu un obradoiro musical a raíz do libro do Conservatorio de Xaén, que está tamén dentro dos centros autorizados Musicaeduca, e engadíuselle unha canción. Neste obradoiro, o personaxe é unha cebra, e fala precisamente da diversidade e do distintos que somos uns dos outros. Con iso, fixemos un obradoiro musical, este ano queremos realizar algún obradoiro con contacontos musical no que logo tamén poida, o alumnado, realizar baile, cantar e tocar un pouquiño.

Finalmente, podería falarnos do Congreso estatal no que participan cada ano?
Si, cada ano xuntámonos todas as escolas, que son máis de 70 en España, e facemos unha reunión de directores de escolas e despois un encontro de profesores, alumnado e directores no cal damos un concerto. En 2025 foi en Sevilla, en 2026 será en Mérida e en 2027 vai ser en Lugo, coincidindo co décimo aniversario da nosa escola, así que vou traer a todos os directores das escolas de España a Lugo, onde pasarán dous ou tres días gozando de conferencias, actividades e rutas turísticas. Iso implica que veñan as familias á cidade, que é algo que tamén a nós nos vén moi ben.

⚙ Configurar cookies
0.13315796852112