Alomais Teatro estrea en Lugo a súa primeira montaxe, Ca-Co-Flex!, unha obra sobre a crise da vivenda

LugoXa
A función representarase o xoves 16 no Auditorio Gustavo Freire ás 20:30 horas e propón unha reflexión irónica sobre o mercado inmobiliario
Alomais-Teatro-obra-vivenda
12 Oct 2025

A compañía Alomais Teatro presentará o vindeiro xoves 16 de outubro a súa primeira produción teatral, Ca-Co-Flex!, unha obra que aborda con humor e crítica social o problema da vivenda. A estrea terá lugar no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, a partir das 20:30 horas, e marcará o debut desta nova formación teatral.

A peza preséntase como unha proposta escénica arriscada e contemporánea. Segundo adianta a sinopse, Ca-Co-Flex! desenvolvese nunha “escenografía imposible” e conta con “catro actores e actrices que se reinventan en cada escena”. A montaxe combina fragmentos teatrais e visuais que, como as pezas dun quebracabezas, “parece que nunca encaixan”, reflectindo o caos e a incerteza que rodean o acceso á vivenda.

“O mercado da vivenda, boom! O futuro, polos aires. E ti, vivirías nunha casa de cartón?”, pregúntase o texto promocional da compañía, convidando o público a reflexionar sobre as dificultades que moitas persoas atopan para acceder a unha vivenda digna. Con Ca-Co-Flex!, Alomais Teatro propón unha mirada fresca, crítica e comprometida sobre un dos grandes desafíos da sociedade actual.

⚙ Configurar cookies
0.10429906845093