Alternativa Veciñal Antas de Ulla pide o esclarecemento das condicións de uso da pista de pádel
Alternativa Veciñal Antas de Ulla ven de levar unha moción ao pleno para esclarecer as condicións de uso da recente pista de pádel.
A finais do 2021 construíuse unha pista de pádel ao carón da nave do concello situada en fronte da gasolineira de Antas de Ulla. Polo momento, a veciñanza non ten información precisa sobre dita obra nin a súa xestión.
O grupo político AVA entende que a cidadanía debe saber como será a xestión de dita pista: os usuarios que poderá ter, se será de acceso gratuíto ou non, cando se prevé a súa apertura… Doutra banda, “gustaríanos saber se está contemplado, entendemos que si, pechala por riba e cambiar o chan, dado que non se pode usar axeitadamente nas condicións nas que está polo momento”, segundo afirma a concelleira do grupo María Gontá.
O pádel é unha modalidade deportiva moi demandada na contorna, polo que unhas instalacións en boas condicións serán de gran proveito para os veciños e veciñas do Concello.