Alternativa Veciñal de Antas de Ulla propón a compra pública da Fortaleza de Amarante

LugoXa
El grupo municipal Alternativa Veciñal de Antas de Ulla propone la compra pública de la Fortaleza de Amarante a las administración públicas.
fortaleza amarante
5 Mar 2022

O grupo municipal Alternativa Veciñal de Antas de Ulla da un paso máis e propón a compra pública da Fortaleza de Amarante. Seguindo os pasos do acontecido co veciño Castelo de Pambre, a agrupación de Antas de Ulla diríxese ao concello para que "abra diálogo coas outras administracións e aproveiten entre todas a oportunidade para facerse cun Ben de Interese Cultural actualmente en venta e que está totalmente acondicionado e preparado para a súa apertura ao público", segundo nos explica María Gontá, concelleira de AVA.

Dende o partido político comparan a similitude desta edificación co Castelo de Pambre que no ano 2010 comezaban a recibir visitas públicas, sen que este fora adquirido aínda pola Administración Pública pero estando abertas xa as conversas entre a Xunta e os Irmáns Misioneiros dos Enfermos dos Pobres de Teis (propietarios daquela). Ao anterior precedían varias ofertas por parte doutros particulares de dentro e fóra de España arredor dunha taxación de dez millóns de euros que a Xunta logrou baixar a cinco millóns pola compra da edificación e das fincas anexas.

Previamente, nos anos 2006 e 2007, a Consellería de Cultura notificara a apertura de expediente sancionador ao anterior propietaro, o que podería elevar a sanción a 60.000 euros pola non apertura do ben declarado BIC. A Lei de Patrimonio Cultural vixente indica a obrigatoriedade desta apertura para os BIC, apuntando as condicións mínimas ás que debe suxeitarse esta.

Foron 14000 euros os que facilitou a Consellería de Cultura ao Concello de Palas de Rei, baixo a firma dun convenio (Resolución do 22 de setembro do 2011), para dar o primeiro paso na súa apertura á cidadanía, aínda sen tramitar a súa compra nin moito menos telo restaurado, e tras un acordo cos novos donos. Iso permitiu ao goberno local a súa apertura dende o 2010 contando con seguro, acometemento de limpeza exterior e visitas guiadas cunha frecuencia notable. Pouco despois, e tras constantar que as visitas estaban resultando exitosas, a Xunta de Galicia no 2011 formaliza a compra, soportando tres millóns de euros a Consellería de Cultura e dous a de Traballo.

A rehabilitación do castelo, encargada pola Axencia Galega de Turismo cun orzamento de 2,1 millóns de euros, remata no 2016. Reabre á visita pública trala labor de restauración e cunha entrada de tres euros. Dende o concello, na anualidade do 2019, afírmase que o 70% das visitas pertencen a escolares e excursións de persoas xubiladas. Indícase tamén que a meirande parte das visitas se producen os mércores (por ser o día gratuito) e os sábados (por ser día de fin de semana). As cifras totais de visitas serían arredor de 12.000 anuais.

Dende AVA creen que en Antas de Ulla, a Fortaleza de Amarante é un BIC que podería seguir estes pasos tendo en conta tres cuestións diferentes que xogan ao favor das arcas públicas: véndese moito máis barata, ninguén a quere mercar (aínda que, de ser así, prevalecería como compradora, segundo a Lei de Patrimonio de Galicia, a Administración Pública) e, ademáis, non require arranxo ningún (máis alá de cuestións de mantemento) pois está en perfecto estado (sufriu reforma para habilitala como salón de banquetes). Cabe engadir que a formalización da compra debería ser áxil en canto a burocracia (en Pambre houbo problema coas escrituras), debido a que pertence a unha titular identificada que é precisamente quen a pon á venda.

Porén o grupo municipal afirma que “contamos cun problema maiúsculo que pode impedir tal camiñar: o Concello de Antas de Ulla non deu ata o momento ningún paso nesta dirección, nin no relativo a abrir conversas con outras administracións nin coa propietario, cando menos no pleno non somos coñecedores de nada disto aínda que dende AVA se lle propuxo en reiteradas ocasións que debería facer parte da posta en valor de Antas de Ulla a nivel turístico”.

Por este motivo, dende AVA queren actuar como parte activa neste camiño que xa comezou a transitar a Fortaleza. Por iso, o seguinte paso necesario é a implicación da Administración.

Tamén recordan que o devandito BIC liga con outros próximos, construcións en estado ruinoso pero que podería ser “visitables” con axuda de paneis informativos. Por outro lado, na aldea de Amarante está o muíño e mazo moi próximo á propia Fortaleza. Ademais, poden vincular o poder desta construción coa súa veciña: O Pazo de Santa Mariña, e tamén co Mosterio e Igrexa de Vilar de Donas, onde están soterradas figuras nobiliarias da propia Fortaleza. Un xeito de establecer redes interpretativas e de coñecemento do territorio que se basean no entendemento do pasado e non tanto no cemento rápido e na foto rápida.

Isto suporía unha serie de visitas públicas a un BIC e preservación do mesmo, sala de exposicións, negocio de hostalería que se podería someter a concesión pública e que serviría para recadar fondos para axudar ao mantemento do BIC, de ser preciso… Son infinitas as posibilidades que a Fortaleza ofrece.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19665098190308