Altri asegura que a fábrica de Palas de Rei só será visible dende cinco puntos do Camiño de Santiago
Membros do equipo directivo e técnico de Greenfiber reuníronse con representantes da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago para presentarlles as medidas que acometerá a compañía destinadas a favorecer a integración da planta de Palas de Rei na contorna e evitar interferir coas actividades vinculadas á peregrinaxe. Durante o encontro, os responsables das asociacións coñeceron de primeira man os resultados dun estudo independente e exhaustivo sobre o impacto patrimonial encargado por Greenfiber.
Estas conclusións mostran que a fábrica non será visible desde o Camiño de Santiago, fóra de cinco puntos escénicos moi concretos dos vinte considerados clave, desde os que existirá unha visibilidade parcial e mínima. Tras a presentación do proxecto, o presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Jorge M. Caba, mostrou a súa confianza que se abran liñas de diálogo e colaboración fluída con Greenfiber “que permitan que o Camiño de Santiago non teña un impacto neutro, senón positivo, que achegue melloras ao tramo Palas-Melide”, matizou.
Ademais, agradeceu a deferencia de ser o primeiro movemento asociativo xacobeo en coñecer in situ o proxecto Gama, “que ten un impacto visual pequeno, que salta á vista que está traballado e que seguiremos para constatar que se cumpre todo o que se nos mostrou na presentación”. Na mesma liña opina o delegado da Federación Española de Asociacións de Amigos Camiño de Santiago en Galicia e Portugal, Ángel Trabada, que considera moi positiva a oportunidade brindada para coñecer a iniciativa de forma directa.
“Cremos neste proxecto.´ Imos estar moi pendentes de que se cumpran as actuacións que nos anunciaron e tentaremos que o Camiño salga beneficiado”. Outras accións de protección analizadas no transcurso da reunión foron a canalización subterránea da auga e a rede eléctrica provisional para que non sexan visibles polos peregrinos, o afastamento das actividades que poidan xerar emisións de po ou a implementación durante a construción de horarios de traballo que limiten o ruído nas horas máis sensibles.