Altri insiste en que a planta de Palas de Rei non afectará á calidade da auga do Ulla
O proxecto de Altri en Palas de Rei combinará tecnoloxías para o uso e devolución da auga que non utiliza ningunha outra industria do sector en España, o que permitirá, por unha banda, manter o caudal hídrico do Ulla, e, por outro, a calidade tanto das augas do río como da ría de Arousa e, por tanto, do marisqueo. Así o aseguran dende a compañía que se apoia nos investimentos que realizou nas súas plantas de Portugal nos últimos anos e que a sitúan como referente do sector en uso de auga a nivel mundial.
Pedro Baptista, director de Operacións de Altri en España, asegura que “GAMA aúna a tecnoloxía máis innovadora no tratamento de augas que hai actualmente no mundo. Levamos anos investindo en I+D en Portugal e GAMA será o mellor exemplo europeo desta nova industria baseada na sustentabilidade, a innovación e a mellora continua”. De feito, o investimento para o tratamento de augas será de 80 millóns de euros, unha cantidade inédita en ningunha outra planta do sector.
Pedro Baptista explica que “o grupo Altri é a única empresa do sector que recircula efluentes, o que lle permite reducir á metade as cifras de uso de auga doutras: 15 m3/t de auga, fronte a 30m3/t doutras e que en GAMA baixarán ata os 8m3/t”. Destacan que estudaron ao detalle o caudal do Ulla durante todo o ano e en diferentes períodos, “e as porcentaxes de diminución será inferiores ao 1% durante 9 meses ao ano, entre o 1-2% nos meses de xuño-xullo e o 2% nos meses de agosto e setembro”.
Auga depurada
En segundo lugar, “o proceso técnico da planta de Palas de Rei para fabricar fibras téxtiles e lyocell non é nin sequera comparable ao das antigas celulosas de pasta de papel. Non usaremos nin cloro nin lixivias, senón osíxeno e todos os gases olorosos serán reutilizados dentro da propia planta para producir enerxía, polo que será un centro con cheiros cero, tal e como sucede nas nosas plantas de Portugal”.
E, en terceiro lugar, explica Pedro Baptista, “a auga devolverase ao Ulla depurada, cunha calidade que non cambiará o estado actual do río e chegará á ría de Arousa nas mesmas condicións e, por iso, non afectará, en ningunha medida, á produción dos bancos marisqueiros. De feito, en determinadas épocas do ano no que os niveis de osíxeno baixan de maneira drástica no Ulla, a tecnoloxía de Greenfiber permitirá melloralos ao devolver a auga máis osixenada”.
Con respecto ás emisións dos gases xerados no proceso de produción, Baptista explica que “serán tratados antes de ser liberados á atmosfera. E este tratamento previo dos gases garante que, en todos estes parámetros, as concentracións están por baixo das esixidas nas mellores técnicas dispoñibles da comunidade europea”. Ademais, empregaranse as máis avanzadas tecnoloxías que permitirán captar todos os gases olorosos para ser reutilizados no proceso de produción de enerxía, de modo que se garanta unha ausencia total de malos cheiros na contorna da planta.