Altri precisa 46.000.000 de litros ao día, superando o consumo diario de auga na provincia, según Adega

LugoXa
A Plataforma na defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) alertan da inviabilidade ecolóxica do proxecto de Altri por constituír o golpe de graza do río Ulla e da ría de Arousa.
3 May 2024

A Plataforma na defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) alertan da inviabilidade ecolóxica do proxecto de Altri por constituír o golpe de graza do río Ulla e da ría de Arousa. A vogal de augas de ADEGA, Ana Fernández Santamarina, advertiu que o levantamento dunha planta de celulosas na parte alta da bacía do Ulla terá consecuencias negativas para toda a bacía, á cal se verá afectada de maneira significativa, tanto pola detracción de caudais como pola contaminación con elevadas cantidades de compostos químicos orgánicos.

A fábrica comprometerá así, non só a viabilidade ecolóxica do río Ulla, senón tamén a de outros usos aos que se destina a súa auga, e impactará directamente a medio e longo prazo sobre a ría máis produtiva de Galiza, a ría de Arousa. ADEGA sinala que a empresa solicitou unha concesón de augas para uso privativo e industrial de 46.000.000 de litros ao día, que extraerá do encoro de Portodemouros.

Esta cantidade supera o consumo diario de auga da poboación de toda a provincia de Lugo e suporía a captación diaria do 9,2 % do recurso existente no encoro de Portodemouros, é dicir, entre 4 e 8 veces máis do volume sinalado pola celulosa. Por outra parte, sinalan que a avaliación dos efectos da captación de auga e dos posteriores vertidos da planta sobre a bacía do Ulla é moi deficiente. Aseguran que no Estudo de Impacto Ambiental do proxecto omítese o impacto que a detracción deste caudal suporá para os ecosistemas e especies, e para outros usos de auga, que hai río abaixo do encoro de Portodemouros.

Normativa europea

Porén, o Plan Hidrolóxico do Río Ulla e ría de Arousa é o único que establece unha reserva de recursos hídricos para o abastecemento da poboación, ante a previsión do incremento da demanda nun futuro. E no Plan especial de Seca da demarcación hidrográfica Galicia-Costa afírmase que xa hai un 35 % de concellos da bacía sen garantía de abastecemento en momentos de seca, condicións que se agravan nun escenario de cambio climático.

Polo que respecta ás verteduras sobre o Ulla, Greenfiber asegura que devolverá ao río un máximo de 30.000.000 litros/día e un mínimo de 12.000.000 l/día, mais non explica en que tempo, forma e magnitude realizará tales verteduras. Ademais, sitúa os valores de emisión de amonio, fósforo total ou fosfatos no límite de contaminación establecido pola Directiva Marco da Auga, de forma que, con que un deses parámetros de contaminación se altere e iguale ou supere o valor límite, o curso de auga estaría incumprindo a norma. Polo tanto, denuncian que a planta de celulosas podería ser causa de incumprimento do dereito comunitario, expoñéndonos a unha posible multa da Unión Europea.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19451403617859