Altri, principal foco contaminante a nivel estatal e europeo, segundo un estudo de Adega

LugoXa
Dende o colectivo tamén destacan que as emisións poden chegar a danar a saúde das personas e animais, aínda que dende a compañía aseguran que non emitirá dioxinas e que as afirmacións son falsas
estudo_altri_adega
Presentación do estudo
23 Maio 2024

Dende Adega coa colaboración do experto en contaminación atmosférica Ramón Varela Díaz, fixeron unha revisión comparativa das emisións á atmosfera declaradas no EIA (Estudo de Impacto Ambiental) da factoría en relación coas doutras plantas de celulosa. Os resultados, tanto cualitativa como cualitativamente, son moi reveladores: a factoría de ALTRI convertirase no principal foco contaminante a nivel estatal e mesmo europeo dentro do sector da fabricación de fibra de celulosa.

Da análise realizada conclúese que a factoría contaminaría a atmosfera máis que a macrocelulosa de ENCE en Pontevedra e, nalgunhas emisións, máis que todas as celulosas do Estado no seu conxunto. Atendendo aos datos das emisións anuais de Altri que figuran no EIA e no Informe de Sustentabilidade de ENCE-Pontevedra de 2023, a factoría proxectada en Palas emitiría máis que ENCE-Pontevedra en partículas, óxidos de nitróxeno e óxidos de xofre. Chegaría, aseguran, a multiplicar por 5,8 a emisión de partículas, por 3,96 a emisión de NOx e por 28,3 as emisións de SOx.

Por outro lado, se comparan os datos de emisións de Altri cos oito complexos de todo o Estado español que teñen na fabricación de celulosa a súa principal actividade e acudindo ao Rexistro PRTR, decatáronse de que a fábrica de Palas estaría moi por riba das emisións conxuntas das oito celulosas no caso de partículas PM10 (4 veces máis), óxidos de xofre (4,67 veces máis) e só lixeiramente por baixo das emisións totais de óxidos de nitróxeno.

E se comparan as emisións de ALTRI coas doutras industrias non celulósicas instaladas na Galiza (77 complexos para partículas, 128 complexos para NOx, e 120 fatorías para SOx, datos do rexistro PRTR), afirman que as emisións serían das máis altas das industrias de Galicia, pasando a ser a primeira emisora de óxidos de nitróxeno e de partículas PM10 e a cuarta de óxidos de xofre.

A empresa afirma que non será prexudicial para a saúde 

Por outra banda, dende o colectivo din que a macrocelulosa está chamada a producir enormes emisións de óxidos de nitróxeno e de xofre, partículas, metais, metais pesados, compostos orgánicos volátiles, etc.. Un cóctel contaminante que pode causar danos e impactos a curto, medio e longo prazo na saúde humana e no ambiente. Os compostos de nitróxeno, os de maiores emisións na factoría, asócianse con enfermidades respiratorias como o asma, e síntomas como tos, sibilancia ou dificultade para respirar. O dióxido de xofre irrita a pel, as mucosas e afecta aos pulmóns. En altas concentracións, poden causar inflamación do sistema respiratorio e empeorar os ataques de asma e as enfermidades cardiacas existentes.

A emisión de partículas PM2,5, que nin tan sequera se citan no EIA, provocan problemas cardiacos, respiratorios, tumorais e neurolóxicos, entre outros. Porén, dende a empresa aclaran que a fábrica de fibras téxtiles que proxecta poñer en marcha en Pas de Rei non emitirá dioxinas nin será prexudicial para a saúde das persoas nin dos animais. Tal e como explica Pedro Baptista, director de Operacións de Altri en España, “as dioxinas son substancias químicas xeradas na combustión de produtos que teñen cloro en cantidades importantes na súa composición. Nunha fábrica como a nosa isto non sucede. E no proxecto GAMA non se vai a utilizar cloro, polo que é imposible a emisión de dioxinas. As informacións que alertan dun risco para a saúde están baseadas en información errónea, por tanto, son falsas”.

Sosteñen que as emisións directas nas celulosas de tecnoloxía Kraft xéranse principalmente en procesos de combustión e orixinan decenas de contaminantes. No EIA do proxecto ALTRI só se cuantifican emisións de 4 deles e nada se di nin se cuantifican as emisións das partículas finas PM2,5 (problemáticas para a saúde e o medio ambiente), nin de dióxido de carbono e monóxido de carbono, obviando que na queima de codia da madeira, restos de achas, licor negro e lamas de depuradora, tanto para a produción de vapor como para a xeración de electricidade, son focos importantes de emisións de CO2 e CO.

Ignorar gases de efecto invernadoiro

Apoiándose no estudo defenden que ignorar as emisións destes gases de efecto invernadoiro impide coñecer o balanzo da pegada de carbono do proxecto e debería ser suficiente para invalidar o Estudo de Impacto Ambiental. Porén, podemos estimar que as emisións en gases de efecto invernadoiro, principalmente CO2 estarán próximas ás 100.000 t/ano, se non son maiores.

Outros contaminantes dos que Altri debería informar no EIA son amoníaco, compostos orgánicos volátiles distintos do metano, óxido nitroso, dioxinas e furanos, carbono orgánico total ou metano, entre outros. No proceso de funcionamento dunha celulosa tamén se xeran emisións difusas, principalmente de compostos de xofre e de nitróxeno e xofre reducido que son as causantes dos cheiros. Os olores típicos destas fábricas débense a estas emisións difusas, que din que Altri tampouco cuantifica, como sulfuro de hidróxeno, polo que tampouco poden valorar cal vai ser o seu impacto en termos de malos cheiros.

Os datos foron presentados por Ramón Varela e Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA, e Mónica Cea, da Plataforma Ulloa Viva, quen animou a participar masivamente na manifestación do vindeiro domingo, 26 de maio, para convertelo nun día histórico na defensa do territorio e fronte á macrocelulosa que, á vista da presente análise, se revela como a máis contaminante do Estado español.

0.10689902305603