ALUCEM atendeu en 2025 a máis dun cento de persoas grazas aos fondos do 0,7% do IPRF

LugoXa
A asociación lucense desenvolveu programas de atención integral en esclerose múltiple co apoio da Xunta de Galicia
Alucem-mesa-informativa-Lugo
17 Jan 2026

A Asociación Lucense de Esclerose Múltiple, ALUCEM, entidade integrada na Federación Galega de Esclerose Múltiple, FEGADEM, beneficiou ao longo deste 2025 a un total de 103 persoas a través dos seus programas cofinanciados pola Xunta de Galicia mediante os fondos procedentes do 0,7% do IPRF. Estes recursos proveñen das persoas contribuíntes que marcaron o recadro de ‘Actividades de interese xeral consideradas de interese social’ na súa declaración da renda.

Grazas a este apoio económico, a entidade puido desenvolver durante o ano o seu programa de atención integral en esclerose múltiple e outras doenzas afíns, unha iniciativa orientada a dar resposta ás necesidades específicas de cada persoa usuaria e das súas familias en distintos ámbitos da atención directa. Deste programa beneficiáronse 40 persoas da cidade de Lugo e da súa contorna, ao tempo que permitiu a contratación de tres profesionais para reforzar os servizos da asociación.

No marco deste programa, ALUCEM levou a cabo diversas actividades de carácter psicosocial, entre as que se inclúen obradoiros de memoria, intervencións de terapia psicosocial individualizada, a acollida de novos casos a través do servizo de traballo social, así como terapias fisioterapéuticas e rehabilitadoras dirixidas a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con esclerose múltiple.

A subvención recibida permitiu tamén a adecuación dos espazos destinados á atención directa, coa renovación e mellora das instalacións da asociación. Estas actuacións fixeron posible a aclimatación do local e a optimización dos recursos dispoñibles, redundando nunha mellor atención ás 103 persoas usuarias da entidade ao longo de 2025.

⚙ Configurar cookies
0.072930097579956