Alucem conmemora en Lugo o Día Mundial da Esclerose Múltiple
Por motivo do Día mundial da Esclerose Múltiple, este xoves Alucem instalará tres mesas informativas pola mañá de 10.00 horas a 13.00 horas en Lugo. Estarán no edificio administrativo da Xunta de Galicia, no da Deputación e no HULA. A maiores instalarán pola tarde, de 17.00 a 20.00 unha mesa informativa con actividades infantís na esquina situada entre a Praza Maior e Campo Castillo.
A Asociación Española de Esclerose Múltiple (AEDEM-COCEMFE) e as súas 44 asociacións celebran oficialmente cada 30 de maio, o Día Mundial da Esclerose Múltiple, realizando diferentes actividades para concienciar á sociedade sobre a realidade das persoas que a padecen e dar a coñecer as principais reivindicacións que poden mellorar algúns aspectos da súa vida.
A esclerose múltiple é unha enfermidade crónica autoinmune, desmielinizante e neurodexenerativa do sistema nervioso central. Afecta a máis de 55.000 persoas en España, 2.900.000 en todo o mundo, diagnosticándose un novo caso cada 5 minutos. De forma xeral, diagnostícase entre os 20 e os 40 anos, en pleno desenvolvemento persoal e laboral, pero tamén en menores de 18 anos.
Os síntomas máis habituais son a fatiga, problemas de visión, hormigueos, vertixes e mareos, debilidade muscular, espasmos e problemas de equilibrio e coordinación. Moitos deles son ‘invisibles’, como a fatiga, a deterioración cognitiva, a depresión e ansiedade, a dor ou os trastornos da esfera sexual, pero impactan de maneira moi importante no traballo, na familia, nas relacións sociais e, en xeral, na calidade de vida das persoas afectadas.