Alucem Lugo organiza a proxección do documental 'O silEMcio do rural'

A Asociación Luguesa de Esclerose Múltiple (Alucem Lugo) oganiza, o vindeiro martes, día 6 de maio, ás 17:00 horas, a proxección do documental "O silEMcio do rural", que terá lugar na sede da entidade, situada na Casa Clara Campoamor.
O documental propón unha mirada profunda e sensible á realidade das persoas que conviven coa Esclerose Múltiple no rural galego, un espazo onde a dispersión xeográfica e a falta de servizos complican aínda máis o día a día de quen padece esta enfermidade.
O silEMcio do rural recolle 14 entrevistas a persoas que viven en distintas zonas do rural de Galicia, ofrecendo testemuñas reais que amosan emocións, preocupacións e necesidades nun contexto onde, a miúdo, as voces quedan silenciadas. A obra convértese nunha viaxe ao corazón do rural e unha chamada de atención sobre as barreiras visibles e invisibles ás que se enfrontan estas persoas.
Con esta actividade, Alucem Lugo busca dar visibilidade a unha realidade moitas veces esquecida e fomentar unha maior concienciación social sobre a Esclerose Múltiple, especialmente nas contornas máis illadas.
A entrada ao evento é libre, e a organización anima a toda a cidadanía a participar para escoitar estas voces que, a pesar do silencio, teñen moito que contar.