ALUCEM organiza en Lugo unha andaina solidaria dentro da campaña 'Caminemos por la EM”

A Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM) convoca a veciños e veciñas a participar na súa andaina solidaria, que se celebrará o sábado 27 de setembro no marco da campaña estatal 'Caminemos por la EM' deste 2025.
A xornada, de carácter lúdico e participativo, contará tamén cun picnic colectivo no que cada persoa poderá levar a súa propia comida para compartir. Como grande novidade deste ano, sumarase á actividade a asociación Xotramu Xogos Tradicionais Muimenta, que achegará propostas de lecer para todos os públicos.
Con esta convocatoria, ALUCEM quere visibilizar a esclerose múltiple e fomentar a implicación social a través dun encontro aberto que mestura deporte, convivencia e tradición popular.