Alucem visibiliza a esclerose múltiple cunha mesa informativa en Lugo

A asociación lucense de esclerose múltiple Alucem instalou unha mesa informativa na explanada da Delegación Territorial da Xunta en Lugo con motivo da celebración do Día Nacional da Esclerose Múltiple, co obxectivo de dar visibilidade á enfermidade e informar á cidadanía sobre o seu impacto e os recursos dispoñibles.
Durante a xornada, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, puxo en valor o amplo abano de servizos que ofrece a entidade ás persoas afectadas, subliñando a colaboración que mantén o Goberno galego coa asociación en distintos ámbitos. Neste sentido, destacou as axudas destinadas á contratación de persoal técnico e ao desenvolvemento de programas sociosanitarios, así como a cesión dun local no barrio do Castiñeiro, que permitirá mellorar as condicións de atención aos usuarios.
Alucem, fundada no ano 1996, conta na actualidade con máis de 100 socios e presta atención a persoas procedentes de 13 concellos da provincia. A través da súa actividade, a asociación ofrece iniciativas orientadas a reforzar a autonomía persoal e a mellora do benestar físico e social das persoas con esclerose múltiple.