ALUFI visibiliza a fibromialxia co apoio da Deputación
A Asociación de Fibromialxia de Lugo (ALUFI) organizou para hoxe unha mesa informativa e de cuestación na entrada do Pazo de San Marcos. Á iniciativa acudiron a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.
A institución provincial súmase a este iniciativa de visibilización desta doenza coincidindo co Día Mundial da Fibromialxia e Fatiga Crónica, unha doenza que afecta de xeito maioritario ás mulleres xa que o 95% das persoas que a padecen son mulleres. A Deputación colabora con esta entidade cunha achega de 3.000€ que se destina á organización de actividades que ALUFI realiza ao longo de todo o ano: obradoiros de memoria e relaxación, manualidades, terapia bascular, ximnasia de recuperación ou xornadas e charlas informativas dirixidas a persoas afectadas por esta enfermidade.
CONCELLO
Neste senso, as concellerías de Muller e Benestar Social do Concello de Lugo, suman forzas para visibilizar a fibromialxia, coincidindo co día mundial desta doenza, da que o 95% dos pacientes afectados son mulleres. Deste xeito, o executivo de Lara Méndez, iluminará esta noite a fachada da Casa Consistorial e a pasarela Tanxurela de cor morada con motivo da celebración, o 12 de maio, do Día Mundial da Fibromialxia e Síndrome da Fatiga Crónica.
Así mesmo complementarase a iluminación coa charla-coloquio Convivindo coa fibromialxia, a cargo do Dr. Carlos García Porrúa, médico reumatólogo. Terá lugar o xoves, 19 de maio, a partir das 20.00 horas no salón de actos do centro de convivencia Uxío Novoneyra. A entrada é libre ata completar aforo. García Porrúa exerceu como especialista en reumatoloxía no Hula, onde compaxinaba a súa actividade clínica coa investigadora e asumiu hai dous anos o posto de director médico no hospital Polusa.